Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Feira do Libro de Rianxo incluirá vinte actividades literarias, musicais, teatrais e de vivulgación científica

Celebrarase do 23 ao 26 de xullo na Praza de Castelao e participarán dez librarías

O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, dereita, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na Feira do Libro de Rianxo do ano pasado.

O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, dereita, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na Feira do Libro de Rianxo do ano pasado. / Suso Souto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Rianxo

A Praza de Castelao de Rianxo acollerá, do 23 ao 26 de xullo, unha nova edición da Feira do Libro, unha das citas culturais máis destacadas do verán na comarca, organizada pola Federación de Librarías de Galicia.

Durante catro días, o público poderá gozar dunha ampla programación que combina presentacións literarias, espectáculos familiares, música, teatro, divulgación científica e encontros con autores, ademais de beneficiarse do tradicional 10% de desconto na compra de libros.

A feira poderá visitarse de 12.00 a 14.00 e de 18.30 a 22.00 horas. Nesta edición participarán dez librarías: Libraría Pedreira, ULA Libraría Social, Boulevard Libraría Edicións, A Gata Tola, Libraría Agrasar (Monforte), Planeta Mozo, Libraría Cartabón, A Libraría de Rosa-Nobel Boiro, Libraría Agrasar Monforte-Ribeira Sacra e Librería Cándido, que ofrecerán aos lectores unha ampla selección editorial e acollerán numerosas sesións de sinaturas ao longo de toda a feira.  

A programación arrincará o xoves 23 de xullo co acto inaugural, que contará co pregón do escritor Anxo Angueira. A xornada continuará coa proposta escénico-musical Os nomes íntimos, de Lucía Aldao e Samuel Merino, e cunha charla divulgativa arredor da eclipse solar do vindeiro 12 de agosto en Rianxo, impartida por José Ángel Docobo Durántez, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, e a doutoranda Paula Cambeses Franco.

O día pecharase coa representación teatral de rúa Ñiquiñaque, da compañía Espectáculos Valente en coprodución co Centro Dramático Galego.  

O venres 24 de xullo a carpa da feira acollerá o espectáculo familiar Contiario, de Pablísimo, unha sesión de narración oral chea de humor e participación.

A continuación presentarase o poemario Pai, de Miguel Louzao Outeiro, acompañado por Valentina Formoso Gosende e Luis Teira Parada, mentres que a xornada rematará coa presentación da novela Pacto de silencio, de Ana Viéitez, xunto ao escritor Óscar Reboiras

O sábado 25 de xullo estará dedicado á maxia e á literatura familiar coa proposta Ler para crer, do ilusionista Joshua Kenneth, un espectáculo que invita os máis pequenos a descubrir a lectura a través da ilusión.

Pola noite, Antón Riveiro Coello presentará Os abandonos, acompañado tamén por Óscar Reboiras, antes do concerto de clausura do XXI Ciclo de Bandas, no que a Banda da Escola de Música de Rianxo interpretará un repertorio de bandas sonoras de cinema infantil na Praza de Rafael Dieste.  

A programación concluirá o domingo 26 de xullo cun concerto de Brinca Vai, protagonizado por Paco Nogueiras, seguido do espectáculo Danza 3, da agrupación tradicional O Fiadeiro, que poñerá o broche final a catro días de actividade cultural arredor do libro e da lectura.  

Ao longo de toda a feira, as casetas das librarías recibirán tamén a numerosos autores para encontros e sinaturas, entre eles Manuel Esteban, Rober Cagiao, Antón Riveiro Coello, Ana Viéitez, Alba López Paredes, Miguel Pérez, Silvia Fernández, Alba Tomé, Merce Barreiro, Estefanía Padullés, Silvia Tasende, Charo Baleirón, Tito Pérez, Juan Galán, Analía Bretal, Alba Formoso e Alfonso Barreiro Fon, entre outros, convertendo a Feira do Libro de Rianxo nun punto de encontro privilexiado entre escritores, librarías e lectores.  

Baixo o lema A porta a universos infinitos, a Feira do Libro de Rianxo reafirma o seu compromiso coa promoción da lectura e coa dinamización cultural, ofrecendo unha programación pensada para públicos de todas as idades e consolidándose como unha das grandes citas do calendario cultural galego.

Tracking Pixel Contents