SOLIDARIEDADE
De Noia a Venezuela: Eli Dosil tende unha ponte solidaria co país no que naceu
Participará durante quince días na posta en marcha dun proxecto humanitario para recuperar servizos básicos

Eli Dosil no aeroporto para emprender viaxe a Venezuela. / Cedida
A noiesa Eli Dosil viaxou a Venezuela para participar na posta en marcha dun proxecto humanitario destinado a recuperar servizos básicos para a poboación afectada polo terremoto que golpeou recentemente o estado de La Guaira.
Durante os próximos quince días formará parte do equipo encargado de iniciar esta intervención, que comezará coa instalación de lavanderías comunitarias, un primeiro paso dentro dun proxecto máis amplo orientado a mellorar as condicións de vida das persoas afectadas.
Esta misión constitúe a primeira intervención internacional da Asociación de Voluntariado Local de Noia, creada recentemente co obxectivo de impulsar iniciativas solidarias tanto no ámbito local como en colaboración con entidades especializadas en cooperación internacional.
Colaboración cunha organización vasca
Para desenvolver este proxecto, a asociación asinou un convenio de colaboración con GBGE, unha organización vasca con ampla experiencia en emerxencias e misións humanitarias internacionais. O acordo permitirá promover actuacións conxuntas sobre o terreo, combinando a capacidade de mobilización dunha entidade local coa experiencia dunha organización con anos de traballo en intervencións humanitarias.
Aínda que reside en Noia dende que ten apenas uns meses, esta viaxe ten tamén un significado persoal para Eli Dosil. Naceu en Caracas, onde a súa familia, como a de tantos galegos e galegas, construíu durante anos unha nova vida tras emigrar en busca de oportunidades. Agora, décadas despois, regresa ao país para colaborar cun proxecto de apoio ás comunidades afectadas por unha das maiores emerxencias recentes.
Voluntaria en Paiporta
Esta non será a súa primeira experiencia nunha intervención humanitaria. Tras a Dana que afectou Valencia, participou durante máis de trinta días como voluntaria en Paiporta, onde contribuíu á organización e xestión dun sistema de recepción, clasificación e distribución de axuda humanitaria.
Dosil explica que a iniciativa nace desde unha idea moi sinxela: facer aquilo que está ao alcance, sen promesas imposibles nin grandes discursos. "O que intentamos facer é tender unha man e axudar alí onde sabemos que podemos ser útiles. Non podemos dar solución a todo, nin temos todos os recursos do mundo. Pero iso non significa que non poidamos facer nada. Se conseguimos impulsar proxectos que fagan un pouco máis fácil o día a día das persoas afectadas, estaremos cumprindo co noso obxectivo".
Unha ponte do local ao local
A voluntaria considera que a colaboración tamén pode nacer desde concellos pequenos e desde iniciativas impulsadas pola propia veciñanza. "A cooperación non consiste en chegar para salvalo todo. Hai que estar onde podes ser útil e facer ben a parte que che toca. Queremos tender unha ponte do local ao local. Igual que un día houbo familias galegas que atoparon en Venezuela unha oportunidade para construír unha vida, hoxe queremos devolver, con humildade, unha pequena parte de toda esa solidariedade", afirma.
A misión marca tamén o inicio de Noia con Venezuela, unha iniciativa coa que a Asociación de Voluntariado Local de Noia irá compartindo o desenvolvemento do proxecto e achegando á veciñanza a realidade do traballo humanitario sobre o terreo.
- Detenido un lucense tras atropellar intencionadamente a un vecino de Bertamiráns que falleció horas después
- La política gallega, 'cerrada por vacaciones': de la ruta en moto por Portugal de Rueda a los días de Pontón en A Illa de Arousa y de Besteiro en A Mariña
- Una familia, 24 personas y 110 km: “Para mí el mérito es habernos juntado”
- Bamio despide mañana a la concejala Ana Castro, fallecida en Padrón a los 50 años
- Detenidos los miembros de una banda que robaba a personas mayores en aparcamientos de Ames con el método de 'la siembra
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- La Guardia Civil investiga como asesinato el atropello intencionado de Bertamiráns al apreciar indicios de alevosía
- Retorno a las raíces para desconectar de Raxoi