INVESTIMENTOS
Muros gaña parques e zonas deportivas máis modernas co apoio da Deputación
O Concello iniciará este ano a terceira fase de humanización da rúa Real

O presidente provincial coa alcaldesa e edís locais na rúa Real de Muros. / Iago Lopez
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, abordou hoxe os principais investimentos que a institución provincial está a impulsar en Muros coa alcaldesa, María Lago, e a tenente de alcaldesa, Caridad González.
Ademais, o presidente provincial e a alcaldesa asinaron na Casa do Concello o convenio de colaboración para financiar as obras de construción dun novo parque infantil en Esteiro e o acondicionamento da zona deportiva e de xogos de Louro. O proxecto conta cun orzamento de 246.328,11 euros, dos que a Deputación achega 197.062,48 euros, o 80% do investimento total.
Formoso destacou que estas actuacións "permiten crear e renovar espazos públicos pensados para o uso diario das familias, da infancia e da mocidade, mellorando a calidade de vida nas parroquias e dotándoas de instalacións modernas e accesibles".
Agradecemento da alcaldesa
Pola súa banda, María Lago fixo fincapé no infrafinanciamento municipal, que, ademais, vai aparellado de cada vez máis competencias. Por iso pon en valor que "o concello dos concellos" apoie economicamente os concellos para cubrir necesidades municipais para as que non teñen recursos.
En Esteiro, o proxecto contempla a creación dun novo parque infantil na contorna do Parque do Artón, cunha configuración diferenciada para distintas idades. Haberá dúas áreas de xogos, unha destinada aos nenos e nenas máis pequenos e outra para cativos de maior idade, con elementos como tobogáns, randeeiras, tirolina, xogos inclusivos e adaptados, un multixogo e unha rede tridimensional. A actuación completarase coa instalación de varanda de protección e novo pavimento continuo de caucho de seguridade.
En Louro, a intervención permitirá recuperar e poñer en valor un espazo público actualmente infrautilizado en Agra de Filgueira. Renovarase a pista deportiva, cun novo pavimento e marcaxe para fútbol sala e balonmán, instalaranse porterías e acondicionarase a contorna. Tamén se renovará a zona de lecer infantil con novos xogos, mobiliario, fonte e melloras no pavimento, ademais de construír unha rampla de acceso desde o aparcadoiro e acondicionar e axardinar os espazos próximos.
Humanización da rúa Real
O presidente provincial e a alcaldesa supervisaron tamén o resultado das obras da segunda fase da humanización da rúa Real, no casco histórico de Muros, financiadas pola Deputación a través do Plan Único (POS+) con preto de 230.000 euros.
A actuación permitiu renovar un espazo no que tanto os pavimentos como as redes de servizos estaban obsoletos, acometendo unha reforma integral orientada a modernizar as infraestruturas e, ao mesmo tempo, respectar e poñer en valor o carácter histórico da contorna.
Formoso salientou que "a rúa Real é un bo exemplo do modelo de actuación que impulsamos a través do Plan Único: obras decididas polo propio Concello, que permiten modernizar e mellorar os espazos públicos respectando, neste caso, a identidade e o extraordinario valor patrimonial do casco histórico de Muros".
Terceira fase de humanización
No acto anunciouse tamén que este mesmo ano o Concello de Muros iniciará as obras da terceira fase de actuacións na rúa Real, financiada tamén a través do Plan Único da Deputación. Esta obra suporá un investimento de 280.000 euros, que, sumados aos 230.000 desta segunda intervención, elevan a máis de medio millón de euros (510.000) os fondos provinciais adicados á remodelación integral desta rúa.
Máis de 18,2 millóns investidos en Muros
O presidente destacou tamén a estreita cooperación da Deputación co Concello de Muros. Nos once anos de goberno de Valentín González Formoso, a institución provincial acumula investimentos por máis de 18,2 millóns de euros no municipio.
Deste importe, 9,2 millóns de euros corresponden ao Plan Único (POS+), a principal ferramenta de cooperación da Deputación cos concellos, que permitiu financiar en Muros 54 obras destinadas á mellora de infraestruturas, equipamentos e servizos públicos.
Formoso lembrou que neste 2026 o POS+ acadou unha cifra récord de 160 millóns de euros, un incremento de máis do 550% respecto dos 24,5 millóns cos que comezou o seu goberno no 2015. "Sabemos que nunca chega, pero sempre aspiramos a máis", resumiu.
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una gallega que se hizo pasar por médico en Lugo y A Coruña
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- Sorprenden a dos ladrones de madrugada en el interior de un piso en Santiago cuando se disponían a huir con el botín
- Así es el parque acuático más novedoso de Galicia: a una hora de Santiago y con toboganes de 11 metros de caída
- Los políticos compostelanos se toman un descanso: retorno a las raíces para desconectar de Raxoi
- Las 5 playas fluviales cerca de Santiago que se están convirtiendo en el refugio perfecto para escapar del calor
- Prisión provisional sin fianza para el detenido por el atropello mortal de Bertamiráns
- El detenido por el atropello mortal de Bertamiráns viajó desde Lugo para enfrentarse con la víctima