Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ESTRUTURAS CLIMÁTICAS

A praia do Cruceiro, do Porto do Son, pioneira en Galicia cun refuxio inclusivo fronte á calor

Os refuxios ofrecen sombra, accesos sen barreiras, zonas de descanso adaptadas e sinalización táctil e visual

Refuxio adaptado na praia de Porto do Son

Refuxio adaptado na praia de Porto do Son / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
O Porto do Son

A Xunta puxo en marcha no Porto do Son o seu proxecto piloto de praias inclusivas, que consiste na instalación de estruturas climáticas sostibles nos areais co obxectivo de que sirvan de refuxio ás persoas con problemas de mobilidade en episodios de altas temperaturas.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañada polo alcalde, Luis Oujo, e o presidente do Comité Español de Representantes de Personas con Discapacidad (CERMI), Ramón Sestayo, visitou o refuxio inclusivo instalado na praia do Cruceiro, do Porto do Son, que xunto cos de Baiona e Viveiro, serán os primeiros en poñer en marcha esta novidosa iniciativa este mesmo verán, que conta cun orzamento de 85.000 euros.

Segundo explicou a Ángeles Vázquez, este proxecto ten como finalidade avanzar na creación de espazos litorais "máis accesibles, inclusivos e adaptados ás necesidades de toda a cidadanía". Deste xeito, estas instalacións facilitarán un uso máis seguro e cómodo da praia para as persoas con mobilidade reducida ou con dificultades de desprazamento.

Sinalización táctil e visual adaptada

En concreto, estes refuxios inclusivos están deseñados para ofrecer unha zona de sombra na que refuxiarse en caso de altas temperaturas. Ademais, ofrecen accesos sen barreiras arquitectónicas, espazos amplos que permiten a mobilidade de persoas usuarias de cadeiras de rodas, sinalización táctil e visual adaptada, zonas de descanso accesibles e elementos que favorecen a orientación e seguridade.

Ademais, a conselleira fixo fincapé en que estas estruturas intégranse de forma respectuosa na paisaxe costeira e responden ao compromiso do Goberno galego de apostar por un desenvolvemento sostible do litoral a través do equilibrio entre a conservación dos seus valores ambientais e o seu uso e gozo por parte de veciñanza e visitantes.

Ángeles Vázquez incidiu así mesmo en que iniciativas como a estreada no Porto do Son "contribúen ao cumprimento dos requisitos asociados a distintivos de calidade ambiental e de servizos como a Bandeira Azul e a Bandeira Verde, xa que melloran as condicións de accesibilidade, sostibilidade e confort dos espazos públicos".

Tracking Pixel Contents