GASTRONOMÍA
Rianxo rende culto á xouba nunha festa con sabor a mar e identidade
A cita gastronómica estenderase ata o domingo con degustacións, música, danza tradicional, tapas e Feira do Libro

O alcalde, Julián Bustelo, no acto inaugural da Festa da Xouba. / CRISTINA GUILLEN
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, presidiu, xunto co alcalde, Julián Bustelo, a inauguración da XXXI Festa da Xouba de Rianxo. Ao acto asistiron tamén o patrón maior da Confraría de Pescadores Virxe do Carme, Miguel Ángel Iglesias, e a presidenta da Asociación Rianxeira de Empresas, Conchi Martínez.
Durante a súa intervención, o responsable autonómico subliñou que esta cita gastronómica e cultural —organizada pola Asociación Rianxeira de Empresarios co apoio da Consellería do Mar— é moito máis ca un evento festivo: é un escaparate fundamental para poñer en valor o traballo diario dos mariñeiros e a calidade dos produtos do mar da costa galega.

Isaac Rosón no acto inaugural da Festa da Xouba de Rianxo. / CRISTINA GUILLEN
En palabras do director xeral, Rianxo constitúe o corazón e a vangarda dunha técnica ancestral única como é a arte do xeito. Trátase dunha arte de enmalle de deriva, selectiva e artesanal. A vila rianxeira concentra preto de 115 embarcacións autorizadas para esta pesca, o que supón a metade de toda a frota que traballa con esta modalidade na ría de Arousa.
Neste sentido, Isaac Rosón puxo de manifesto a importancia do selo de calidade Xouba de Rianxo, Pesca Artesanal, Arte do Xeito, unha marca colectiva implantada no ano 2023 que dota o produto dunha identidade propia e permite ao consumidor verificar a súa orixe e trazabilidade a través dun código QR.
O responsable de Pesca salientou tamén os datos positivos rexistrados no sector durante o pasado exercicio 2025, no que as lonxas galegas comercializaron máis de 14.600 toneladas de sardiña e xouba, superando os 21,8 millóns de euros en primeira venda, o que supuxo un incremento na facturación de máis do 31 % respecto ao ano anterior.
Ampla programación gastronómica e cultural
A XXXI Festa da Xouba de Rianxo estenderase ata o vindeiro domingo 26 de xullo cunha completa axenda de actividades que inclúe degustacións populares nas que a xouba se preparará asada á grella, en escabeche, frita ou na tradicional empanada de millo.
A programación compleméntase coa exposición efémera Rostros do noso mar no Pazo de Martelo, o roteiro gastronómico Un mar de tapas, espectáculos musicais e de danza tradicional, e a celebración simultánea da Feira do Libro no municipio.
Un peixe pequeno, unha historia inmensa
O alcalde, Julián Bustelo, asegura que "a Festa da Xouba é unha festa que leva o nome dun peixe pequeno, pero que representa unha historia inmensa. Porque falar da xouba de Rianxo é falar da nosa identidade. É falar do mar que nos alimentou durante séculos, das mans que remendaron redes, das embarcacións que saían antes do amencer ou das conserveiras que deron emprego a tantas familias da ría. En definitiva, é falar de homes e mulleres traballadoras que configuraron o Rianxo que hoxe coñecemos".
- El detenido por el atropello mortal de Bertamiráns viajó desde Lugo para enfrentarse con la víctima
- Así es el parque acuático más novedoso de Galicia: a una hora de Santiago y con toboganes de 11 metros de caída
- Bamio despide mañana a la concejala Ana Castro, fallecida en Padrón a los 50 años
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- Los políticos compostelanos se toman un descanso: retorno a las raíces para desconectar de Raxoi
- Sorprenden a dos ladrones de madrugada en el interior de un piso en Santiago cuando se disponían a huir con el botín
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una gallega que se hizo pasar por médico en Lugo y A Coruña
- National Geographic elige un rincón a una hora de Santiago como una de las siete maravillas naturales para visitar en agosto