CULTURA
Rianxo abre a porta a universos infinitos coa súa Feira do Libro
A cita permanecerá aberta ata o domingo con dez librarías, presentacións, sinaturas, música, teatro e actividades familiares

O escritor Anxo Angueira foi o pregoeiro da Feira do Libro de Rianxo. / X. G.
A praza de Castelao acolle unha nova edición da Feira do Libro de Rianxo que, ata o domingo, ofrece unha ampla programación que combina presentacións literarias, espectáculos familiares, música, teatro, divulgación científica e encontros con autores baixo o lema A porta a universos infinitos.
Ademais quen merque un libro poden beneficiarse dun 10 % de desconto. A feira poderá visitarse de 12.00 a 14.00 horas e de 18.30 a 22.00 horas.
No acto inaugural participaron o alcalde, Julián Bustelo, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a deputada provincial de Cultura, Natividade González, e exerceu de pregoeiro o escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
Un bo momento para o sector editorial
Anxo M. Lorenzo gabou "a ampla e diversa programación deste encontro, que é capaz de reunir a maiores e pequenos cun único obxectivo: desfrutar da lectura e achegarnos un pouco máis á nosa cultura". Puxo tamén en valor estas citas como "pulo imprescindible ao noso sector editorial, que está a vivir un momento fantástico, tal e como demostran os últimos datos que describen que un 67,1 % da poboación galega mercou algún libro no último ano".
Pola súa banda, Natividade González subliñou a importancia de "apoiar a cultura con actos, non só con palabras. Dende a Deputación sempre intentamos ir por diante, dar exemplo en políticas culturais que sexan atractivas e, sobre todo, accesibles á poboación; porque, se non chegamos á xente, de nada vale todo o que fagamos".
A deputada provincial lembrou que "a lectura é o camiño que nos saca da ignorancia, e por iso é tan relevante. Como sociedade debemos poñer en valor todo o coñecemento, pero tamén o lecer que nos aportan os libros. Por iso é tan importante estar presente e apoiar este tipo de eventos, porque os creadores e as librarías teñen que ser rendibles, pois son un piar básico da nosa sociedade e se queremos manternos libres e espertos".
Dez librarías e espectáculos
Nesta edición participarán dez librarías: Libraría Pedreira, ULA Libraría Social, Boulevard Libraría Edicións, A Gata Tola, Libraría Agrasar (Monforte), Planeta Mozo, Libraría Cartabón, A Libraría de Rosa-Nobel Boiro, Libraría Agrasar Monforte-Ribeira Sacra e Librería Cándido, que ofrecerán aos lectores unha ampla selección editorial e acollerán numerosas sesións de sinaturas ao longo de toda a feira.
Este venres, 24 de xullo, acollerá o espectáculo familiar Contiario, de Pablísimo, unha sesión de narración oral chea de humor e participación. A continuación presentarase o poemario Pai, de Miguel Louzao Outeiro, acompañado por Valentina Formoso Gosende e Luis Teira Parada. A xornada rematará coa presentación da novela Pacto de silencio, de Ana Viéitez, xunto ao escritor Óscar Reboiras.
O sábado 25 de xullo estará dedicado á maxia e á literatura familiar coa proposta Ler para crer, do ilusionista Joshua Kenneth, un espectáculo que invita aos máis pequenos a descubrir a lectura a través da ilusión. Pola noite, Antón Riveiro Coello presentará Os abandonos, acompañado tamén por Óscar Reboiras, antes do concerto de clausura do XXI Ciclo de Bandas, no que a Banda da Escola de Música de Rianxo interpretará un repertorio de bandas sonoras de cinema infantil na praza Rafael Dieste.
Música e danza
A programación concluirá o domingo 26 de xullo cun concerto de Brinca Vai, protagonizado por Paco Nogueiras, seguido do espectáculo Danza 3, da agrupación tradicional O Fiadeiro, que poñerá o broche final a catro días de actividade cultural arredor do libro e da lectura.
Ao longo de toda a feira, as casetas das librarías recibirán a numerosos autores para encontros e sinaturas, entre eles Manuel Esteban, Rober Cagiao, Antón Riveiro Coello, Ana Viéitez, Alba López Paredes, Miguel Pérez, Silvia Fernández, Alba Tomé, Merce Barreiro, Estefanía Padullés, Silvia Tasende, Charo Baleirón, Tito Pérez, Juan Galán, Analía Bretal, Alba Formoso e Alfonso Barreiro, entre outros.
- «Tengo clientes que vienen de Noia, Ordes o Padrón»: el barbero marroquí con agenda llena en O Milladoiro
- No son peregrinos. Son chavales de fiesta': El Barroquista cuestiona el turismo de Santiago
- El libro gallego que ha conquistado a Pedro Sánchez: 'Una obra maravillosa
- ¿Vas a ver el eclipse en Santiago? El Concello cerrará el acceso en coche a dos de los puntos más populares para contemplarlo
- El Concello de Santiago repartirá gratis 2026 gafas para ver el eclipse solar del 12 de agosto
- Aemet despeja la gran duda del eclipse en Galicia: casi todo el cielo estará despejado salvo en una zona
- Más de una docena de detenidos en Muxía, entre ellos un guardia civil, tras el decomiso de 1,5 toneladas de cocaína
- A menos de una hora de Santiago: los 5 mejores lugares para ver el eclipse total del 12 de agosto