Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Castelo Rock volve a Muros fiel ao seu modelo de proximidade e cunha capacidade para 700 persoas

O cartel intégrano bandas e artistas de estilos como o R&B, o reggae, a electrónica, o rap, o bravú, o punk acústico e a música urbana

Representantes da organización no centro, coas autoridades, na presentación do festival.

Representantes da organización no centro, coas autoridades, na presentación do festival. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Muros

A alcaldesa de Muros, María Lago, presidiu este luns a presentación da programación do XXII Festival Castelo Rock, que se celebrará os vindeiros días 6, 7 e 8 de agosto na Praza do Mercado, o Curro da Praza e a rúa Ancha.

A rexedora destacou "o modelo de festival de proximidade, arraigado ao territorio e construído desde o compromiso colectivo".

Lonxe de competir na carreira dos macroeventos, o Castelo Rock aposta por un formato que sitúa as persoas no centro. Trátase dun festival organizado por unha asociación sen ánimo de lucro, sustentado no traballo do voluntariado e cunha relación directa coa vila que o acolle desde hai máis de dúas décadas.

Cunha capacidade limitado a 700 persoas, o Castelo Rock mantén a súa aposta pola proximidade entre artistas e público e por unha experiencia integrada na vida da vila.

Os membros da organización destacaron que "esta maneira de entender os festivais é tamén unha forma de facer cultura: xerando comunidade, impulsando a cultura e creando un espazo de encontro no que conviven público, artistas, tecido asociativo e veciñanza".

O cartel reúne artistas de diferentes procedencias e estilos, combinando nomes internacionais como Kid Kapichi e Big Special con proxectos estatais como Viva Belgrado ou Parkesvr, sen esquecer a presenza da creación galega a través da Orquestra Bravú Xangai, LAW, Nadie González ou XiánPais e outras propostas, como Martin Human e Tête de la Course, que completan unha programación pensada para ofrecer unha experiencia diversa e de calidade.

A Orquestra Bravú Xangai é un proxecto colectivo que reúne destacados músicos da escena galega, moitos deles vinculados ás bandas que deron forma ao histórico movemento bravú e a outros proxectos posteriores. A formación está impulsada por nomes tan recoñecidos como Xurxo Souto e Guni Varela (Os Diplomáticos de Monte Alto), xunto a artistas procedentes de múltiples bandas.

Viva Belgrado levou a súa música por máis de 30 países e conquistou algúns dos festivais e salas máis importantes.

LAW é unha artista multidisciplinar procedente do barrio vigués de Coia. A súa proposta musical mestura R&B, reggae, electrónica e música de raíz, construíndo unha identidade sonora que transita entre o urbano e o ancestral.

Nadie González é unha música e rapeira viguesa, tamén produtora en ocasións e de formación maioritariamente autodidacta. Iniciou o seu camiño na música dentro do colectivo Yimiyourek (Las Palmas de Gran Canaria) entre 2018 e 2019, etapa na que comezou a desenvolver o seu interese polo hip hop e a creación musical. En 2021 emprende o seu proxecto en solitario xunto a Lu.ko.ala, comezando a actuar en diferentes salas e eventos da escena galega. Actualmente traballa no seu primeiro EP en solitario: Noctiluca Scintillans.

XiánPais é un artista da escena urbana galega nacido en Louro (Muros).

Parkesvr é unha das bandas máis singulares da escena independente estatal dos últimos anos. Creada en Madrid en 2017, constrúe unha proposta difícil de etiquetar na que conviven o rock alternativo, a electrónica e o spoken word, cun estilo marcado polas letras irónicas e incisivas.

Kid Kapichi é unha banda británica de punk rock e indie alternativo formada en Hastings (Inglaterra) en 2013.

Na presentación interviron tamén a tenente de alcaldesa e concelleira de Cultura, Caridad González; o presidente da asociación Praia do Castelo, Santiago Romero; a deputada provincial Natividade González; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

Jacobo Sutil dixo que o Castelo Rock incorpórase este ano por primeira vez como beneficiario da convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para fomentar a contratación de música galega nos festivais profesionais. Esta liña distribúe en 2026 un total de 80.000 euros para apoiar 47 contratacións de bandas e artistas en oito citas.

Natividade González destacou que este festival (que a Deputación apoia con 24.500 euros) "é un exemplo do valor do asociacionismo, do compromiso colectivo e do talento musical”.

Santiago Romero dixo que "o Castelo Rock segue demostrando que é posible desenvolver un proxecto cultural sostible sen renunciar á proximidade nin á identidade propia".

"Trátase dun festival que entende a cultura como un servizo público, aberto e accesible, e que cada verán converte Muros nun espazo de convivencia ao redor da música", engadiu.

Co respaldo do Concello de Muros, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, a través da Agadic, o Castelo Rock afronta unha nova edición reafirmando o seu compromiso coa música en directo, coa cultura galega e cun modelo de festival que medra desde o territorio, sen esquecer nunca de onde vén.

As entradas e os abonos continúan dispoñibles na páxina web oficial do festival (www.castelorock.gal) onde tamén poden consultarse a programación completa, os horarios e toda a información práctica para asistir ao evento.

A entrada dun día custa 15 € máis gastos de xestión. O abono custa 20 € máis gastos de xestión (para os socios do colectivo Praia do Castelo o prezo é de 10 €, sen gastos de xestión).

Tracking Pixel Contents