Emotivo pregón da reitora Rosa Crujeiras en Ribeira ante o "arrecendo a salitre" do lugar onde naceu e medrou
Estivo arroupada polos conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, e Política Social e Igualdade, Fabiola García

José López, Rosa Crujeiras, María Sampedro e Fabiola García. / Suso Souto
Ribeira deu este mércores a benvida ás festas do verán co pregón da reitora da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras, que estivo acompañada no balcón consistorial polos conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e da alcaldesa, María Sampedro.
A rexedora dixo que "o pregón debe ser un altofalante para os nosos veciños e veciñas, para sentirnos orgullosos de onde somos capaces de chegar, para inspirarnos. E Rosa é o perfecto exemplo do orgullo ribeirense que queremos transmitir".
"Esta veciña de Artes converteuse na primeira muller en acadar a Reitoría nos 531 anos de historia da USC; a institución educativa máis importante de Galicia e unha das que ocupan os postos máis altos no panorama nacional", engadiu.
Sampedro destacou "o fito histórico acadado por Crujeiras, que representa tamén un mérito colectivo; proba de que con esforzo, traballo e dedicación podemos chegar onde nos propoñamos".

Asistentes ao pregón, na praza consistorial. / Cedida
Pola súa banda, Rosa Crujeiras comezou o pregón dicindo que "hai lugares que nunca deixamos atrás. Mesmo cando marchamos, seguen connosco. Hai un arrecendo a salitre, unha luz sobre o mar, un recordo da infancia ou unha maneira de falar que nos acompañan toda a vida. Para min ese lugar é Ribeira. É Artes. A Teixoeira, onde nacín e medrei".
Para Crujeiras, "un pregón non se escribe só coa cabeza. Escríbese tamén coa memoria e co corazón. E, mentres preparaba estas palabras, decateime de que, en realidade, todo o que quería contar
podía resumirse nunha idea moi sinxela: o orgullo de ser de Ribeira".

A reitora da USC durante a lectura do pregón, dende o balcón consistorial. / Cedida
Ao seu xuízo, "ser de Ribeira é saber que non é un único lugar, que son nove parroquias, cada unha coa súa historia, personalidade e maneira de entender a vida, unidas por unha soa forma de sentir o
municipio; medrar sabendo que o mar nunca está lonxe; aprender tamén a acoller; recoñecerse na maneira de falar; levar esta terra alá onde se vaia; saber que ningún camiño se fai en solitario".
"Haberá quen regrese á casa despois de moitos meses fóra e haberá quen descubra por primeira vez estas festas. Oxalá todos atopen o mesmo: unha Ribeira orgullosa do seu pasado, confiada no seu futuro e, sobre todo, feliz de celebrarse a si mesma", sinalou a reitora.
Este xoves, verbena coa orquestra París de Noia
Este xoves 30 haberá de novo música e animación nas rúas con dianas, alboradas e ruadas, alén da participación de Paco Nogueiras. A verbena estará amenizada no Paseo do Malecón pola orquestra París de Noia.
O programa do venres 31 inclúe dianas, alboradas, ruadas, o mercadiño da Creba, actuación de Chiña na Praza de Vigo, inchables, a Festa da Espuma e un torneo de baloncesto 3x3.
Pola noite, a música dividirase en dous grandes ambientes a partir das 23.00 horas: unha verbena no Malecón, coa orquestra Olympus e, en paralelo, o Ribeira Urban Fest na praza da antiga lonxa, coa actuación de LG1DO e varios DJ's.
Procesión marítima e terrestre
O sábado 1 de agosto haberá de novo dianas, alboradas e ruadas pola mañá; a experiencia sensorial Ágape; unha degustación de Lirio de Ribeira; actuación do grupo Cantareiras da Asociación de Amas de Casa; e un Trofeo de Fútbol.
Ás 13.00 horas terá lugar unha degustación de sardiñas en Bandourrío, amenizada polo grupo Drippers, e ás 18.30 horas oficiarase na lonxa a misa solemne en honra da Virxe do Carme, con posterior procesión marítima e terrestre.
Pola noite actuarán a orquestra Miramar (no Malecón) e o grupo Café Quijano (na Praza de España) e a partir das 01.00 horas haberá unha sesión musical na Praza de Pontevedra a cargo de Planet Discomóbil e Mateo Abelleira.
O domingo 2 amenizará a sesión vermú Dani Fontaíña no parque García Bayón, e haberá actuación de Baile Alecrín e música co DJ Rafa Astray. Ás 21.00 horas chegará o espectáculo Orballo Cultural á Praza de España, coas actuacións de Catuxa Salom e Fillas de Cassandra.
Á medianoite poderase desfrutar do espectáculo de fogos artificiais no Paseo do Touro e ás 00.30 horas será a última verbena, a cargo da orquestra New York, no Malecón.
Finalmente, o luns 3 celebrarase o Día do Neno, unha xornada na que todas as atraccións de feira estarán dispoñibles a prezos populares.
- «Tengo clientes que vienen de Noia, Ordes o Padrón»: el barbero marroquí con agenda llena en O Milladoiro
- No son peregrinos. Son chavales de fiesta': El Barroquista cuestiona el turismo de Santiago
- El libro gallego que ha conquistado a Pedro Sánchez: 'Una obra maravillosa
- ¿Vas a ver el eclipse en Santiago? El Concello cerrará el acceso en coche a dos de los puntos más populares para contemplarlo
- El Concello de Santiago repartirá gratis 2026 gafas para ver el eclipse solar del 12 de agosto
- Aemet despeja la gran duda del eclipse en Galicia: casi todo el cielo estará despejado salvo en una zona
- Más de una docena de detenidos en Muxía, entre ellos un guardia civil, tras el decomiso de 1,5 toneladas de cocaína
- A menos de una hora de Santiago: los 5 mejores lugares para ver el eclipse total del 12 de agosto