O Boviño Wine Fest volverá fusionar enoloxía, gastronomía, cultura, paisaxe e patrimonio
Dez adegas participarán do 6 ao 8 de agosto nun festival repleto de actividades en Boiro, Rianxo e A Pobra

Pola esquerda, José Crusat, Suso Santamaría, Raquel Suárez, Xosé Regueira, Julián Bustelo, José Ramón Romero, Juanjo Figueroa e David Rial. / Suso Souto
O Pazo de Goiáns (Boiro) acolleu este xoves a presentación da terceira edición do Boviño Wine Fest, unha mostra que vai moito máis alá da enoloxía e na que participarán dez adegas ao redor dun amplo abano de actividades.
A cita, promovida por A Pousada Producións co apoio da Deputación da Coruña e os concellos de Boiro e Rianxo, desenvolverase entre o seis e o nove de agosto en varias paraxes do Barbanza.
Suso Santamaría, xerente de A Pousada Promocións, explicou que se trata dunha "cita transversal" que pretende divulgar e poñer en valor "a enoloxía, a gastronomía, a paisaxe, a cultura, o patrimonio e a música ao redor da cultura do viño".
Nesta edición participan as adegas Antonio Portela Vinhos do Mare, Terras Mancas, Cancelada, A man de Prado (Pagos de Brigante), Castrobrey, Iria Otero, Entre os ríos, Castellun Augusti, Cazapitas e Rilo.
Na presentación participaron tamén o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; os alcaldes de Boiro, José Ramón Romero, e Rianxo, Julián Bustelo; o presidente da Asociación Galega de Sumilleres, Juanjo Figueroa; os adegueiros José Crusat (de Entre os ríos, da Pobra) e David Rial (de Cazapitas, de Rianxo); e a portavoz municipal do BNG de Boiro, Raquel Suárez.
Todos eles fixeron un brinde en memoria de Luis Sande Laxe, dono da adega Pagos de Brigante, de Betanzos, falecido este ano, a quen precisamente vai dedicada esta edición do Boviño Wine Fest.
Xosé Regueira destacou a importancia desta cita "que pon en valor un territorio no que vive xente e no que se producen alimentos e viños de calidade". "Temos que tratar a paisaxe como o que é: a nosa casa e a terra que nos dá sustento", engadiu.
"Boviño é un deses proxectos que encaixan perfectamente no modelo turístico polo que traballamos desde a Deputación: unha proposta que nace do territorio, que pon en valor os seus recursos propios e que crea experiencias ao redor da identidade, da paisaxe e do produto local", explicou Regueira.
Así mesmo, sinalou que iniciativas coma esta "demostran que o turismo tamén é unha ferramenta para fortalecer o sector primario, apoiar as pequenas produtoras e produtores e xerar oportunidades económicas de maneira sustentable".
Regueira incidiu tamén na importancia de visibilizar a riqueza vitivinícola da provincia: "A Indicación Xeográfica Protexida Barbanza e Iria representa unha tradición e un patrimonio que merecen ser coñecidos e recoñecidos. Eventos como Boviño contribúen a reforzar a súa proxección e a situar a comarca como un destino singular para quen busca experiencias auténticas vinculadas á enogastronomía e á cultura", dixo.
José Ramón Romero sinalou que "esta mostra está xa consolidada como un referente a nivel rexional, pero seguiremos traballando para que o sexa tamén a nivel nacional".
Julián Bustelo agradeceu "a oportunidade que nos dan de participar neste fantástico evento, porque a filosofía desta mostra encaixa coa estratexia do Concello de Rianxo para poñer en valor os nosos produtos, a nosa literatura, a nosa cultura mariñeira, etc.".
Suso Santamaría agradeceu o apoio e a implicación do vicepresidente da Deputación e dos alcaldes de Boiro e Rianxo "que non pestanexaron e apostaron con firmeza por esta cita".
O Boviño Wine Fest desenvolverase en catro xornadas para ofrecer experiencias enogastronómicas ao redor de propostas culturais en contornas valor paisaxístico e patrimonial.
As actividades comezarán o xoves 6 no Pazo do Martelo, en Rianxo, cunha actividade protagonizada pola adega Cazapitas, que incluirá unha cata comentada de catro dos seus viños, un roteiro literario da man de Quico Cadaval, unha degustación gastronómica a cargo de Miguel Mosteiro e a actuación musical de Aum Reggae Band.
O venres 7 de agosto as actividades trasladaranse á Pobra, onde haberá un roteiro guiado polos viñedos da adega Entre os ríos a cargo de José Crusat e unha cata de catro dos seus viños, con degustacións gastronómicas realizadas por Luis Arijón (do restaurante Nojira, da Pobra) e a actuación de Calequi y Las Panteras.
O sábado 8 de agosto a actividade terá lugar ao mediodía no Pazo de Goiáns, onde Juanjo Figueroa impartirá unha charla sobre o presente e o horizonte das adegas galegas.
Ás 13.30 horas haberá unha cata musical de catro viños das adegas participantes con degustación de mexillóns en escabeche. E xa pola tarde terán lugar unha cata poética, ás 20.00 horas, da man de María Lado, e o espectáculo Viño + humor, do humorista Carlos Blanco.
Así mesmo, os visitantes poderán catar os caldos das adegas participantes no Túnel do Viño, con máis de vinte referencias.
O domingo día 9 continuarán as actividades no Pazo de Goiáns ao mediodía coa celebración do Día do viño con sombreiro, unha xornada aberta ao público que incluirá unha homenaxe ao adegueiro Luis Sande Lage, rutas histórico-botánicas polo Pazo de Goiáns. Ás 13.00 horas celebrarase unha Cata Monumental e actuará A Banda da Balbina.
As entradas para participar poden adquirirse a través da web apousada.eu.
- «Tengo clientes que vienen de Noia, Ordes o Padrón»: el barbero marroquí con agenda llena en O Milladoiro
- No son peregrinos. Son chavales de fiesta': El Barroquista cuestiona el turismo de Santiago
- El libro gallego que ha conquistado a Pedro Sánchez: 'Una obra maravillosa
- ¿Vas a ver el eclipse en Santiago? El Concello cerrará el acceso en coche a dos de los puntos más populares para contemplarlo
- El Concello de Santiago repartirá gratis 2026 gafas para ver el eclipse solar del 12 de agosto
- Aemet despeja la gran duda del eclipse en Galicia: casi todo el cielo estará despejado salvo en una zona
- Más de una docena de detenidos en Muxía, entre ellos un guardia civil, tras el decomiso de 1,5 toneladas de cocaína
- A menos de una hora de Santiago: los 5 mejores lugares para ver el eclipse total del 12 de agosto