Nerea Barros remata no Barbanza a rodaxe de 'O da miña nai', a súa primeira longametraxe
Ademais da dirección e do guión, a actriz e asume tamén a interpretación xunto a Carmen Noya
Na banda sonora participarán Mercedes Peón e Abraham Cupeiro

Jacobo Sutil, cuarto pola esquerda, e Nerea Barros, sétima, con edís de Ribeira e membros do equipo de rodaxe, este venres na praia de Castiñeiras. / Cedida
A actriz e directora galega Nerea Barros remata estes días en distintas localizacións da comarca do Barbanza a filmación de O da miña nai, a súa primeira longametraxe, que se desenvolve nunha linguaxe híbrida entre a ficción e o documental cun fondo autobiográfico.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu este venres na praia de Castiñeiras, en Ribeira, á gravación dunhas secuencias da película, que conta cunha subvención de 120.000 euros da Xunta de Galicia pola convocatoria á produción e coprodución audiovisual de 2025.
Ademais da dirección e do guión, Nerea Barros asume a interpretación xunto á actriz Carmen Noya. A paisaxe natural, os obxectos da memoria e o espazo sonoro serán elementos importantes na fita, para cuxa banda sonora está prevista a participación de artistas galegos como Mercedes Peón e Abraham Cupeiro.
A rodaxe, cunha duración de catro semanas, arrancou na parroquia compostelá de San Cristovo do Eixo, terra da familia da protagonista, continuou pola contorna do río Ulla, en Pontevea (Teo) e rematará este sábado 1 de agosto no Barbanza.
Rodada en galego e castelán, O da miña nai preséntase como un poema fílmico autobiográfico. Tras a morte do seu pai, Nerea regresa a Galicia para escoitar o murmurio da súa terra e mirar á súa nai como se fora a primeira vez.
A cámara convértese nunha forma de estar, de escoitar e de soster. Carmen, de 81 anos, habita unha vida sinxela: o campo, o cemiterio, as partidas de cartas... Nese espazo compartido, a filla busca as pegadas do pai nos xestos da nai e observa sen intervir ata que a emoción a arrastra dentro do plano.
Zeitun Films e Cólera Films, con Felipe Lage e Nerea Barros na produción executiva, respectivamente, asumen este proxecto con parte de financiamento achegado pola devandita liña de apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Por medio desa mesma canle, o Goberno galego contribúe este ano á realización de 22 novos proxectos audiovisuais galegos cun investimento de 3,5 M €.
- Una panadería de Santiago se cuela entre las mejores de España: 'Empecé vendiendo hamburguesas en Venezuela
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una gallega que se hizo pasar por médico en Lugo y A Coruña
- El verano de los alcaldes gallegos: entre fiestas patronales, bodas y llamadas del Concello
- Ser taxista en Santiago cuesta al menos 140.000 euros y más de una década para recuperar la inversión
- Sorprenden a dos ladrones de madrugada en el interior de un piso en Santiago cuando se disponían a huir con el botín
- Así es el parque acuático más novedoso de Galicia: a una hora de Santiago y con toboganes de 11 metros de caída
- El mirador a menos de una hora de Santiago con vistas de 360 grados para observar el eclipse solar con el mar y el Monte Pindo de fondo