Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Muros abre a preinscrición para o servizo de Madrugadores, que rexistrou un incremento de 15 familias usuarias

As solicitudes poden presentarse ata o 21 de agosto e será gratuíto para o alumnado dos tres centros educativos

Pola esquerda, Maruxa Martínez, a alcaldesa, María Lago, e Laura Rivadeneira.

Pola esquerda, Maruxa Martínez, a alcaldesa, María Lago, e Laura Rivadeneira. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Muros

O Concello de Muros abriu o prazo de preinscrición para o Servizo Municipal de Madrugadores correspondente ao curso escolar 2026/2027, un programa gratuíto dirixido ao alumnado dos CEIP Plurilingüe Ricardo Tobío, Ramón de Artaza e Malvárez e Plurilingüe de Louro.

O programa constitúe unha medida de apoio ás familias do municipio, contribuíndo á conciliación da vida persoal, familiar e laboral e promovendo a igualdade de oportunidades.

A través deste servizo, o Concello facilita ás familias unha alternativa que permite adaptar os horarios de atención ás necesidades derivadas da organización laboral e familiar.

O prazo para realizar a preinscrición está aberto ata o 21 de agosto.

Un servizo cunha demanda crecente

Desde a súa posta en marcha, o Servizo Municipal de Madrugadores experimentou un incremento continuado da participación, pasando de atender 34 familias e 49 nenas e nenos no curso 2024/2025 a 49 familias e 66 nenas e nenos no curso 2025/2026.

A evolución da participación evidencia a necesidade deste tipo de recursos para as familias de Muros e a consolidación do programa como un servizo municipal de referencia no ámbito da conciliación.

A concelleira de Ensino, Laura Rivadeneira, sinala que «a consolidación deste servizo demostra a súa utilidade e a resposta que ofrece ás necesidades reais das familias de Muros. O incremento constante do número de persoas usuarias reafirma o compromiso do Concello con políticas que contribúan á conciliación».

Rivadeneira destaca tamén que «os datos dos últimos cursos amosan claramente que estamos ante un recurso necesario para as familias do municipio. Agardamos que neste curso 2026/2027 o número de nenas, nenos e familias beneficiarias volva aumentar e que poidamos seguir dando resposta a esta demanda».

Conciliación e igualdade

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Maruxa Martínez, destaca que «a conciliación é un elemento fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria, facilitando que as responsabilidades de coidado poidan compatibilizarse coa vida laboral e persoal».

Martínez salienta que «as políticas públicas de conciliación son fundamentais para garantir que as familias dispoñan de recursos que lles permitan organizar o seu día a día e, ao mesmo tempo, para avanzar na igualdade efectiva entre mulleres e homes».

Neste sentido, considera que «facilitar a conciliación significa tamén actuar sobre unha realidade na que as tarefas de coidado seguen recaendo de maneira desigual e na que as mulleres continúan asumindo unha parte importante destas responsabilidades».

A concelleira de Igualdade subliña ademais que «o feito de que o número de familias usuarias medre cada ano confirma que existe unha necesidade real á que as administracións debemos dar resposta». «Queremos seguir impulsando medidas que permitan ás familias desenvolver os seus proxectos de vida en Muros, favorecendo tanto a conciliación como a igualdade de oportunidades», engade.

Información e preinscrición

As familias interesadas poden consultar as bases e toda a información relativa ao Servizo Municipal de Madrugadores 2026/2027 no taboleiro da sede electrónica do Concello de Muros e na web www.muros.gal.

Tracking Pixel Contents