Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Estas son as vinte bandas e artistas que actuarán no festival Rock in Rian de Rianxo

Celebrarase no Parque de Galicia os vindeiros días 14 e 15 deste mes, e os abonos para as dúas xornadas custan 20,90 euros

Sol Agra, no centro, e Julián Bustelo, diante, á dereita, cos organizadores do festival.

Sol Agra, no centro, e Julián Bustelo, diante, á dereita, cos organizadores do festival. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Rianxo

Rianxo acollerá os vindeiros 14 e 15 de agosto unha nova edición do Rock in Rian, un festival que converterá o Parque de Galicia nun punto de encontro para a música galega e que conta cunha subvención de 29.000 euros da Deputación da Coruña.

A deputada provincial Sol Agra participou este luns na presentación do festival, que nace do traballo asociativo e voluntario dun grupo de mozas e mozos de Rianxo e que ano tras ano foi consolidando unha proposta cultural que combina música, participación cidadá, promoción da lingua galega e compromiso co territorio.

O festival ofrece unha programación diversa e con especial presenza da escena musical galega.

O venres 14 actuarán 9Louro, Familia Caamagno, Bisaiak, Lumedoloop, Sorcha, Fuego Lolita, Sustanciados, Five Pipers e Al Borde del Despido, e o sábado 15, De Ninghures, Orquestra Bravú Xangai, Prieto Picado, EKOS, Tona, Tapa D´Orella, Recambios Tucho, La Yaya DJ, Trópico de Grelos, Mekanika Rolling Band e Remexidos Parrulo.

O prezo do abono para os dous días será de 20,90 euros.

Durante dúas xornadas, o Rock in Rian ofrecerá tamén actividades paralelas e propostas destinadas a complementar a programación musical, contribuíndo a dinamizar a actividade cultural e social de Rianxo durante o verán.

A deputada provincial, que estivo acompañada do alcalde, Julián Bustelo, destacou o carácter integral do proxecto e todo o que o festival representa para Rianxo, para a provincia e para o conxunto de Galicia.

“Desde a Área de Cultura e Lingua da Deputación valoramos todo o que este festival representa: o carácter colaborativo entre as asociacións de base do concello, a aposta por unha produción cultural elaborada en Galicia e en galego, a implicación dos centros educativos nas actividades realizadas, o apoio ás bandas emerxentes, a diversificación das actividades ao longo do ano, o compromiso coa lingua, o respecto ao medio ambiente e ao territorio, e a divulgación turística do concello”, sinalou Sol Agra.

A deputada puxo especialmente en valor o traballo voluntario que hai detrás do festival: “Si, todo iso é o Rock in Rian, si, todo iso é o que aporta ao concello, á provincia e ao país o traballo deste grupo de mozas e mozos que dedican, altruístamente, centos de horas da súa vida privada a pensar, organizar e dinamizar un festival ao que se achegarán esta semana miles de persoas”, sinalou.

Neste sentido, Sol Agra reivindicou o papel das pequenas asociacións culturais como motor da programación cultural nos concellos.

Un festival arraigado no territorio

A programación do Rock in Rian combina música en directo con diferentes actividades e iniciativas que buscan implicar a veciñanza e poñer en valor o territorio. A organización aposta así por un modelo de festival vinculado ao tecido asociativo local e á promoción da cultura galega.

TEMAS

Tracking Pixel Contents