Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Gerardo Triñanes abriu a Exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz: "A batea é unha das grandes creacións da intelixencia mariñeira galega"

Este domingo 16 será o día grande, co menú-degustación de catro elaboracións en base a receitas tradicionais e innovadoras

Gerardo Triñanes, durante o pregón da Exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz.

Gerardo Triñanes, durante o pregón da Exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Boiro

A localidade boirense de Cabo de Cruz celebra esta fin de semana a XVIII Exaltación do Mexillón, que comezou o venres co pregón de Gerardo Triñanes, expropietario de Estaleiros Triñanes e expresidente da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari).

"A historia do mexillón no Cabo da Cruz comeza aquí ao lado, no Castro do Achadizo, onde hai máis de dous mil catrocentos anos xa vivían homes e mulleres que atopaban no mar unha parte fundamental da súa alimentación. Os estudos arqueolóxicos demostraron que os habitantes do castro consumían marisco de maneira habitual, entre eles o mexillón, que xa formaba parte da dieta daqueles primeiros poboadores da nosa costa", comezou dicindo Triñanes.

"Foron uns rapaces do 4º curso do colexio de Valiño os que descubriron alí algúns elementos, como restos de cerámica, tellas, etc., e levaron aqueles restos de cerámica para amosárllelos ao profesorado do colexio. Aquela curiosidade infantil abriu as portas posteriormente ás escavacións dirixidas polo arqueólogo Anxo Concheiro", engadiu.

E, entrando xa no seu terreo profesional, dixo que "non sería moi aventurado dicir que os primeiros barcos mexilloeiros do Cabo da Cruz, foron as monóxilas, (troncos escabados) coas que aqueles antigos habitantes saían ao mar para recoller os recursos que a ría lles ofrecía. Non transportaban cordas nin colleitas de batea, pero xa traían de volta algo que continúa unindo xeracións separadas por máis de vinte séculos: o mexillón".

Triñanes lembrou que "Alfonso Ozores, señor de Rubiáns e Marqués de Aranda, impulsou as primeiras bateas na ría da Arousa ao redor do ano 1949 no porto do Vilagarcía".

O pregoeiro dixo tamén que "as primeiras bateas nada tiñan que ver coas de hoxe. Eran estruturas moito máis fráxiles, feitas de madeira, recubertas con malla de arame e cemento, que precisaban estar en lugares moi recollidos da ría. Os temporais facían das súas, metían auga por todas partes e, ás veces, traían máis preocupacións que alegrías. Non poucas acabaron en terra, porque o mar sempre foi un mestre esixente que nunca regala nada".

Así mesmo, quixo destacar que "a batea é moito máis que un instrumento para producir mexillón. É unha das grandes creacións da intelixencia mariñeira galega. Un pequeno prodixio da enxeñería popular. Se un a observa con calma, verá un emparrillado de madeira soportando toneladas de vida en permanente movemento sobre o mar. Verá unha estrutura flexible, resistente e extraordinariamente ben adaptada ao medio. Moito antes de que se puxese de moda falar de sustentabilidade ou de pegada ecolóxica, as nosas bateas xa eran un magnífico exemplo de como traballar coa natureza e non contra ela".

Finalmente, rematou cunha mensaxe: "O futuro do mexillón non está só nas bateas. Está tamén nos centros de investigación, nas universidades, nos laboratorios e, sobre todo, na capacidade que teñamos de traballar xuntos para coidar aquilo que nos dá de vivir".

Música, charla e degustacións

As actividades da primeira xornada continuaron cun espectáculo de circo, a degustación de mexillóns en tres variedades e o concerto de Luis Fercán.

Este sábado as actividades comezaron ás 11.30 horas coa charla Desafíos e oportunidades para o cultivo do mexillón, que impartiu Sergio Fernández Boo, investigador do Centro Interdisciplinar de Investigación Mariña da Universidade do Porto.

Fillo de bateeiros e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela, Sergio Fernández Boo estuda as patoloxías dos moluscos e a mellora da produción de bivalvos. Na súa charla abordou algúns dos principais retos que preocupan actualmente ao sector, como a caída da produción, a falta de semente e as posibilidades que ofrece a produción de semente en criadeiro.

Logo houbo un showcooking a cargo de Alberto Lareo. Formado entre cociñas de España e Francia xunto a grandes nomes como Eneko Atxa, Jacques Maximin, Jean-François Piège ou Marcelo Tejedor, Alberto Lareo conta cunha ampla traxectoria ligada á gastronomía.

Asistentes ao 'showcooking' protagonizado por Alberto Lareo, este sábado.

Asistentes ao 'showcooking' protagonizado por Alberto Lareo, este sábado. / Cedida

Tras sete anos á fronte de Manso, en 2024 abriu Maina, en Santiago de Compostela, unha casa de comidas informal pero coidada, cunha proposta fresca, de tempada e moi vencellada ao produto.

A sesión vermú estivo amenizada por Xoubas (rocksteady, R&B e soul xamaicano) e, houbo degustación de petiscos elaborados a base de mexillón.

Petisco de empanada de mexillóns servida nun local hostaleiro de Boiro.

Petisco de empanada de mexillóns servida nun local hostaleiro de Boiro. / Cedida

Xa pola tarde, a partir das 20.30 horas, haberá un showcooking a cargo de Iago Pazos. Produto, tempada, proximidade e persoas son os piares da cociña de Iago Pazos, fundador de Abastos 2.0 e cunha longa traxectoria vencellada á cociña de produto.

Dentro do seu proxecto gastronómico, O Loxe Mareiro representa a súa conexión máis directa co mar e coa costa: un espazo no que o produto, a súa orixe e as persoas que o fan posible ocupan o centro de todo.

Os asistentes poderán degustar marmitako de mexillóns e mexillóns ao vapor, e actuará Versionettes.

Este domingo 16 será o día grande, co menú-degustación de catro elaboracións da XVIII Exaltación do Mexillón, que mestura receitas tradicionais con outras máis innovadoras. Actuará o grupo O Ar de Loureda.

A organización prevé repartir nesta festa unhas 8.000 racións de mexillóns.

O Concello de Boiro adquiriu máis de 3.000 quilos de mexillóns para repartir entre os locais hosteleiros, que durante toda a semana servirán petiscos gratuítos dese produto en distintas elaboracións.

Tracking Pixel Contents