RIBEIRA
A integración social e a conservación ambiental sustentan o proxecto de Amicos
Begoña Abeijón participou na introdución de 100 soportes de laminaria na illa de Sálvora

A directora xeral, segunda esquerda, coa comunidade de Amicos en Ribeira. / Cedida
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou a Asociación Amicos para coñecer os avances dos proxectos medioambientais da entidade e o traballo que están a desenvolver os seus activistas.
Foi recibida polo director xeral de Amicos, Xoán España, a responsable de Centros, Pilar Sampedro, e os propios activistas, que lle explicaron as novidades incorporadas desde a súa anterior visita en xullo de 2025.
Durante o encontro, amosáronlle algunhas das dinámicas que empregan nas accións de sensibilización ambiental con centros educativos, empresas e profesionais do sector do mar, ademais de compartir o que supón para eles exercer un papel activo na protección do medio natural.
O alumnado-traballador do programa Dual Natura II, especializado na restauración de fondos mariños, acompañouna ao Laboratorio de Macroalgas de Amicos, onde puido coñecer o proceso de cultivo das laminarias, desde a súa chegada en forma de gametófitos ata que están preparadas para regresar ao medio natural.

Begoña Abeijón, esquerda, no laboratorio de macroalgas de Amicos. / X. G.
A visita continuou no mar, nas augas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, onde Abeijón participou xunto aos activistas e membros da Confraría de Carreira-Aguiño, nunha nova acción de restauración. Durante a xornada introducíronse 100 soportes de laminaria nos arredores da illa de Sálvora. Participaron tamén os concelleiros de Servizos Sociais e Sanidade, Vicente Mariño, e de Educación e Formación, Juana Mª Brión.
As laminarias forman bosques submarinos que proporcionan refuxio e alimento a numerosas especies e contribúen ao mantemento da biodiversidade. A súa restauración é unha das liñas de traballo dos activistas medioambientais de Amicos, que participan tanto no coidado das especies no laboratorio como na súa introdución no medio natural e nas accións posteriores de sensibilización.
Recoñecementos a nivel estatal e europeo
A directora xeral destacou que "para a Xunta de Galicia é un pracer colaborar un ano máis nun proxecto medioambiental de Amicos e participar nesta plantación de 100 soportes de laminaria. E tamén acompañalos, porque o valor máis especial da entidade non é só o seu apoio ás persoas con discapacidade senón que as integra na sociedade, participando en proxectos de primeiro nivel que contan con recoñecementos a nivel estatal e europeo. O coidado do medio ambiente é moi importante, pero sobre todo é o darlles un obxectivo ilusionante e que se sintan parte de algo máis grande".
O máis importante "é que detrás de cada unha destas accións hai persoas con discapacidade intelectual que están asumindo responsabilidades, adquirindo competencias e demostrando que poden ser protagonistas na conservación do noso patrimonio natural", sinalou o director xeral de Amicos, Xoán España.
"Non podemos máis que agradecer o apoio constante da Consellería de Política Social e Igualdade ás entidades sociais, un apoio que non se queda no financiamento, senón tamén á hora de participar e implicarse persoalmente por parte de todo o equipo da consellería", engadiu España.
Dende Amicos agradecen a "colaboración e a escoita constante", así como o apoio aos programas de novas tecnoloxías e innovación, e os de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades".
Máis de 4.000 actuacións de restauración en 2026
A visita permitiu poñer tamén en valor os resultados acadados polos equipos medioambientais de Amicos. No que vai de 2026, o equipo restaurou 661 gorgonias en Galicia, co apoio da Confraría de Carreira-Aguíño, e 83 en Asturias, en colaboración coas confrarías de Luarca e Cudillero. A estas actuacións súmanse 2.800 soportes de laminaria e 600 unidades de zostera.
O traballo dá continuidade aos resultados de 2025, cando Amicos restaurou 668 gorgonias, 1.789 soportes de laminaria e 1.100 unidades de zostera. Estas intervencións forman parte dunha liña de restauración activa dos ecosistemas mariños que combina conservación ambiental, formación especializada e participación das persoas con discapacidade intelectual.
Os activistas ambientais de Amicos non só desenvolven tarefas de restauración, senón que tamén exercen como axentes de sensibilización, explicando e transmitindo o coñecemento adquirido durante a súa formación.
- Muere ahogado en una playa de O Grove Carlos Nieves, histórico concejal del PSOE de Santiago que estuvo 24 años en Raxoi
- Llegan de Gran Canaria con sus dos hijos de 3 y 4 años para hacer el Camino tras una depresión y acaban siendo 'el aliento' de otros peregrinos
- Fallece el exalcalde de Negreira José Manuel López Tuñas
- Las tres boyas gallegas baten en agosto sus récords históricos de temperatura más alta: «Hay especies marinas que se están desplazando hacia el norte»
- La última oportunidad del verano para ver juntas a Panorama, París de Noia y Los Satélites: a 30 minutos de Santiago y con fuegos artificiales
- Buscan en Negreira a José Manuel Baña Sieira, un vecino de Campolongo desaparecido desde este jueves
- Santiago se convierte en un cluedo en vivo: un asesino, nueve pruebas y una noche para sobrevivir
- Del mercado de ganado en la Alameda a un Toural lleno de carros: así era Santiago hace un siglo a través de la mirada de Ruth Matilda Anderson