SABOREA GALICIA
Viños, doces e produto de calidade: Ribeira estrea os Mercados de Verán
A Consellería do Medio Rural promove esta iniciativa para achegar produción e consumo

Gómez, esquerda, Sampedro e Alamparte cun dos expositores no Mercado do Verán. / X. G.
A Consellería do Medio Rural promove esta fin de semana en Ribeira o primeiro dos Mercados de Verán cos que busca poñer en valor a calidade diferenciada da produción agroalimentaria galega.
A conselleira, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e pola alcaldesa da localidade, María Sampedro, presidiu o acto inaugural desta cita que contribúe a promocionar estes produtos.
O mercado, no que participan unha trintena de profesionais que elaboran alimentos adheridos a algún dos distintivos recoñecidos en Galicia, estará aberto toda a fin de semana no Malecón, de 11.00 a 15.00 e de 18.00 a 22.00 horas, e permite coñecer e degustar as elaboracións destes produtores e tamén identificar os produtos coa súa orixe e co territorio que os fai singulares.
O que se busca "é favorecer unha relación máis directa entre produción e consumo, xa que aos operadores se lles dá a oportunidade de presentar os seus propios produtos", afirmou a conselleira.
Viños e doces
As presentacións e degustacións de produtos estarán amenizadas con actuacións musicais. Hoxe, a programación inclúe De viños polo Mercado, unha presentación e cata de viños singulares da IXP Terras do Navia e de produción ecolóxica, ademais da proposta After Praia: Doces & Tintos da Ribeira Sacra. A xornada completarase coa animación musical de O Cego na Feira e coa actuación de Music Box. The Band.
O domingo, os produtos de calidade diferenciada volverán ser protagonistas con Café de Domingo con, unha degustación de doces; unha nova sesión de De viños polo Mercado, neste caso con viños da DO Ribeiro e da DO Rías Baixas; e After Praia: Mesturas de verán, cunha degustación de cócteles elaborados con licores e augardentes tradicionais acompañados doutros petiscos de calidade diferenciada. Pulpiño Viascón e Loren Tevra completarán a programación musical da última xornada.
María José Gómez salientou o bo facer das persoas produtoras, estreitamente vencelladas co rural, "que co seu labor contribúen a manter a actividade económica destas contornas, ao mesmo tempo que se fixa poboación e se crean oportunidades de emprego".
Segunda cita en Viveiro
A conselleira explicou que esta iniciativa do Mercado de Verán, que a vindeira fin de semana terá unha segunda cita en Viveiro, enmárcase dentro do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, a través do cal se promocionan os distintos selos de calidade recoñecidos na nosa comunidade. Este plan conta neste 2026 cun orzamento de 10 millóns de euros, dous máis que o pasado ano.
- Netflix ya muestra a Martiño Rivas y José Coronado en su nueva miniserie basada en una novela criminal de Arturo Pérez-Reverte
- Una intervención antidroga en Galicia destapa el negocio de la 'Banca de Dubai': más de una veintena de detenidos y 20 millones de euros localizados en activos
- Roberto Louzán, el ganadero que cría la raza de vaca más escasa de Galicia: 'Prefiero la carne de Frieiresa a la de Rubia Gallega
- Una de las mayores orquestas de Galicia busca bailarines para la próxima temporada de verbenas: estos son los requisitos
- Pierde la vida un trabajador en Negreira tras sufrir una caída en una obra
- La Xunta exige al Estado garantías 'por escrito' para que Galicia no pague 'una factura millonaria' por la AP-9
- Así es la pizzería de Santiago que se cuela entre las 100 mejores del mundo
- Los refugios de Jesús Cintora en Galicia: playas protegidas, miradores y atardeceres en las Rías Baixas