Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

COMERCIO LOCAL

Máis de 1.100 rifas en dúas horas no peche da campaña Fóra Stocks Boiro

A campaña da ABE repartiu 300 euros en Bonos e pechou con descontos, música e unha elevada participación cidadá

As tres gañadoras dos bonos ABE cos autoridades e directivos da patronal.

As tres gañadoras dos bonos ABE cos autoridades e directivos da patronal. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Boiro

A campaña Fóra Stocks Boiro 2026, organizada pola Asociación Boirense de Empresas (ABE), pechou cunha gran xornada no mercado municipal que combinou promoción comercial, actividades para as familias, música e o sorteo de 300 euros en bonos.

Durante os días 20, 21 e 22 de agosto, os establecementos participantes ofreceron descontos, promocións e ofertas especiais de fin de tempada, nunha iniciativa destinada a dinamizar a actividade comercial e dar maior visibilidade aos negocios locais.

A campaña estivo amenizada con música a pé de rúa en Boiro.

A campaña estivo amenizada con música a pé de rúa en Boiro. / Cedida

"A resposta da cidadanía foi moi positiva ao longo dos tres días, especialmente durante as últimas xornadas, nas que os establecementos participantes rexistraron unha elevada afluencia de clientes interesados nas promocións e oportunidades de compra vinculadas á campaña", sinala Tomás Estévez, xerente da ABE.

Ao longo da xornada repartíronse 800 bolsas reutilizables da campaña da Xunta de Galicia O Comercio Compensa, e Andrea & The Black Cats puxeron ambiente musical á mañá e acompañaron os momentos previos ao sorteo.

300 euros en Bonos ABE

En apenas dúas horas, foron 1.124 as rifas canxeadas para participar no sorteo, que repartiu tres premios de 100 euros en Bonos ABE cada un. As persoas premiadas foron Alicia María Romero Luaces, Laura del Río Urruchi e Antía Borrajo Conde.

Os premios permanecerán dentro do propio tecido comercial boirense, xa que os Bonos ABE poderán ser utilizados nos establecementos adheridos.

Apoio institucional ao comercio local

A xornada contou coa presenza de Gabriel Alén, director xeral de Comercio da Xunta de Galicia, así como do alcalde de Boiro e do concelleiro de Comercio, que acompañaron a ABE durante a celebración da actividade.

Durante a súa intervención, Gabriel Alén puxo en valor o papel da Asociación Boirense de Empresas como entidade dinamizadora do comercio e do tecido empresarial local e destacou a importancia de iniciativas deste tipo para manter activa a economía local e achegar o comercio á cidadanía. Tamén salientou o apoio da Xunta de Galicia ás iniciativas de dinamización promovidas polas asociacións empresariais.

Pola súa banda, o alcalde, José Ramón Romero, felicitou a ABE polo desenvolvemento da campaña e animou á asociación e aos establecementos locais a continuar nesta liña de traballo, promovendo novas iniciativas que contribúan a dinamizar a actividade económica e comercial do municipio.

Elevada participación

Desde a Asociación Boirense de Empresas, o seu presidente, Daniel García, destacou a elevada participación rexistrada durante os tres días e agradeceu tanto aos establecementos participantes como á cidadanía a súa implicación na campaña.

Segundo sinalou, "Fóra Stocks Boiro volveu demostrar que cando o comercio sae á rúa e se acompaña de actividade, promoción e participación, se xera un maior movemento arredor dos negocios locais", contribuíndo tamén a incrementar as oportunidades de venda nun período especialmente importante para os establecementos que afrontan o remate da tempada de verán.

Boiro Xoga, a próxima gran cita

A asociación xa está a preparar a súa próxima gran campaña de dinamización comercial, Boiro Xoga, seleccionada pola Xunta de Galicia como unha das campañas extraordinarias de comercio deste ano.

TEMAS

Tracking Pixel Contents