Renovan a cuberta, 132 fiestras, 71 portas e 509 luminarias do Colexio Praia Xardín de Boiro
Os traballos contan cun investimento de 1,1 millóns de euros e rematarán no primeiro trimestre de 2027

Román Rodríguez, no centro, con José Ramón Romero, esquerda, edis e Santiago Freire, dereita, ante o Colexio Praia Xardín, en obras. / Cedida
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou este mércores o Colexio Plurilingüe Praia Xardín, en Boiro, onde comprobou o avance das obras de rehabilitación integral que o seu departamento está a acometer e que se prevé rematar no primeiro trimestre de 2027.
Cun orzamento de máis de 1,1 M€, o obxectivo da intervención é “mellorar a eficiencia enerxética do colexio en case un 38% e, como consecuencia, acadar un maior confort térmico para a comunidade educativa”, explicou o conselleiro.
Neste sentido, lembrou que o Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta a través da que a Xunta está a renovar e modernizar os centros educativos galegos, ten entre as súas prioridades a redución do consumo enerxético das instalacións educativas, facéndoas máis respectuosas co medio ambiente ao tempo que máis funcionais para alumnos e docentes.
A obra deste colexio inclúe a instalación dunha nova cuberta de 2.034 m² de panel sándwich con illamento de la de roca, así como a renovación dos canlóns e baixantes. Tamén se aplica sistema de illamento térmico polo exterior tipo SATE nas fachadas e colócanse 132 fiestras novas de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre.
Xa no interior, instálanse 509 luminarias led e 115 de emerxencia e 71 novas portas con folla de alma de poliuretano e laminado fenólico e falsos teitos.
Neste momento, a obra supera o 25% da execución, cos traballos moi avanzados no que atinxe ao cambio das fiestras e dos falsos teitos. A intervención compatibilizarase co desenvolvemento do curso escolar, realizando os traballos polas tardes, nas fins de semana e nas vacacións de Nadal.
Máis de 10 M€ no Barbanza
O Goberno galego está a investir máis de 10 M€ en obras nos colexios e institutos do Barbanza no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Ademais desta obra, en Boiro acometeuse o cambio da cuberta do instituto da localidade (422.000€), así como a do Colexio Santa Irene (260.000€), a maiores doutras intervencións de pequena e mediana envergadura.
Así mesmo, na zona destacan as rehabilitacións integrais do Instituto da Pobra do Caramiñal (2 M€) e do Plurilingüe Fontexería de Muros (1,4 M€), do Colexio Castelao de Rianxo (1 M€) e do Plurilingüe de Frións, de Ribeira (655.000 €), as melloras sectoriais no Centro Público Integrado Cernadas de Castro de Lousame (454.000 €) e o peche lateral da pista deportiva do IES Porto do Son (267.000 €).
Na súa visita a Boiro, o conselleiro estivo acompañado do alcalde, José Ramón Romero; do delegado territorial de Educación, Santiago Freire; e de varios edís do Goberno local e do PP.
- Los refugios de Jesús Cintora en Galicia: playas protegidas, miradores y atardeceres en las Rías Baixas
- Netflix ya muestra a Martiño Rivas y José Coronado en su nueva miniserie basada en una novela criminal de Arturo Pérez-Reverte
- Una intervención antidroga en Galicia destapa el negocio de la 'Banca de Dubai': más de una veintena de detenidos y 20 millones de euros localizados en activos
- Muere a los 85 años de edad Hipólito Rodríguez Visos, fundador de la emblemática empresa Mármoles del Río
- Suspendido el mayor festival de música urbana de Santiago
- Roberto Louzán, el ganadero que cría la raza de vaca más escasa de Galicia: 'Prefiero la carne de Frieiresa a la de Rubia Gallega
- Una de las mayores orquestas de Galicia busca bailarines para la próxima temporada de verbenas: estos son los requisitos
- Cambio de tiempo en Galicia: un frente activo dejará lluvias generalizadas y un descenso de las temperaturas