Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

EMPRESAS

A cadea mar-industria reforza o seu peso no Barbanza con Jealsa como un dos referentes

A compañía prevé investir 8 millóns de euros na modernización e ampliación das instalacións do Bodión

Alonso, esquerda, Villaverde e Romero durante a visita ás instalacións de Jealsa.

Alonso, esquerda, Villaverde e Romero durante a visita ás instalacións de Jealsa. / X. G.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Boiro

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou as instalacións de Jealsa Corporación en Boiro, nun encontro no que abordaron os principais proxectos que está a desenvolver a compañía para ampliar e modernizar a súa capacidade industrial.

Durante a visita, na que estivo acompañada polo alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, mantivo unha reunión de traballo co presidente da entidade, Jesús M. Alonso Escurís, e outros responsables da empresa.

Villaverde puxo en valor o papel de Jealsa como "un dos referentes da industria conserveira galega e española e como un dos grandes motores económicos da comarca do Barbanza". As instalacións do Bodión xeran arredor de 1.200 empregos directos, mentres que o grupo conta con 3.600 profesionais e pechou 2025 cunha facturación récord.

Concesión no porto de Bodión ata 2067

Destacou tamén o apoio da Xunta á consolidación da actividade de Jealsa en Boiro a través da ampliación excepcional da súa concesión no porto de Bodión, autorizada por Portos de Galicia o pasado mes de novembro. Esta medida permite á compañía manter a súa actividade neste espazo portuario ata xuño de 2067, "achegando maior seguridade xurídica e favorecendo o mantemento e incremento do investimento e do emprego na comarca".

A ampliación está vinculada ao compromiso inversor da compañía, que prevé destinar 8 millóns de euros nos vindeiros anos á modernización e ampliación das súas instalacións, incluída a mellora da eficiencia enerxética da nave principal, a construción dunha nova nave e a reconstrución doutra instalación industrial.

Xerar riqueza e emprego no territorio

A titular de Mar salientou "a importancia de facilitar as condicións necesarias para que empresas estratéxicas vinculadas á cadea mar-industria consoliden a súa actividade en Galicia, eviten procesos de deslocalización e continúen xerando riqueza e emprego no territorio".

Durante o percorrido, Villaverde coñeceu tamén as actuacións vinculadas ao plan de investimento da compañía e os seus proxectos en materia de innovación, dixitalización, economía circular e sustentabilidade, como exemplo da aposta da cadea mar-industria pola modernización e por modelos produtivos máis eficientes.

Tracking Pixel Contents