Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

FORMACIÓN

Ribeira prepara a volta ás aulas das persoas maiores con oito obradoiros

O programa é gratuíto e desenvolverase ata xuño con actividades para estimular mente e corpo

O edil Vicente Mariño e Francisca Vidal, coordinadora, presentando o programa.

O edil Vicente Mariño e Francisca Vidal, coordinadora, presentando o programa. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ribeira

O Concello de Ribeira prepara a volta ás aulas das persoas maiores cunha nova edición do programa de dinamización e promoción social con oito obradoiros para manterse activo a nivel mental e físico.

O novo curso estenderase dende o 5 de outubro ata mediados de xuño de 2027. As accións que se impartirán son estimulación da mente-memoria, en tódalas parroquias; enriquecemento educativo, en Ribeira e Aguiño; lingua e cultura galega, en Ribeira; conversa en inglés, en Ribeira; artes plásticas, en Ribeira e Aguiño, co proxecto artístico Ayaso & Picasso & Xacobeo 2027, rematando cunha exposición bianual; taek-health, en Aguiño e con dous grupos en Ribeira; ximnasia adaptada, en todas as parroquias; e cantares e tradicións, no centro social de Carreira.

Cartel promocional do programa.

Cartel promocional do programa. / Cedida

"Activamos as clases para os nosos maiores cunha edición que trae novidades como ser a de maior duración de tódalas edicións previas, incrementamos 15 minutos a duración de cada grupo das conversas en inglés, temos o taek-health como programa pioneiro a nivel nacional e incorporamos á oferta os cantares e tradicións", subliña Vicente Mariño, concelleiro de Servizos Sociais.

Asegura que se trata dunha oferta que inclúe "obradoiros para estimular mente e corpo, e que cada ano medra en número de participantes, acadando o medio milleiro de persoas inscritas no pasado curso". Agradece ao Liceo Marítimo, o Centro Recreativo de Artes e a Comunidade de Montes de Olveira a cesión gratuíta das súas instalacións.

Ademais, este curso "contaremos con saídas culturais, así que a aprendizaxe non se limitará ás aulas", engadiu Mariño.

Pensionistas maiores de 60 anos

As persoas destinatarias son pensionistas do Sistema da Seguridade Social con 60 anos cumpridos ou máis idade, e empadroadas en Ribeira. Os obxectivos son promover o envellecemento activo; evitar o sedentarismo, illamento e pasividade; fomentar a participación de grupo e relacións interpersoais da poboación maior; ampliar a oferta de ocupación do tempo de lecer; aumentar a frecuencia das actividades positivas co colectivo de maiores; motivar as persoas maiores en accións comunitarias; e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

As actividades son gratuítas e o período de preinscrición comeza o 1 de setembro, de maneira presencial en Servizos Sociais Comunitarios ou de maneira telemática.

Tracking Pixel Contents