Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Rianxo forma parte dun plan piloto para simplificar licenzas

Vai colaborar co COAG para reducir a carga de traballo do rexistro presencial e evitar xestións

Fachada do concello de Rianxo, que vai colaborar co Colexio Oficial de Arquitectos. Foto: S.

Fachada do concello de Rianxo, que vai colaborar co Colexio Oficial de Arquitectos. Foto: S. / Suso Souto

Suso Souto

O Concello de Rianxo foi seleccionado para iniciar en período de probas unha colaboración entre o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Deputación da Coruña, de forma que, a través das plataformas de administración electrónica que a Institución coruñesa ofrece aos concellos da provincia, a tramitación das licenzas e outros actos urbanísticos vanse simplificar, ao permitir que as administracións locais descarguen a documentación técnica dos solicitantes a través da plataforma dixital do citado colexio oficial.

O convenio, que ten vixencia durante catro anos, suporá unha minoración de custos económicos e de cargas administrativas para as persoas tanto físicas como xurídicas solicitantes, xa que non terán que achegar nin incorporar nas peticións de licenzas outras autorizacións que xa estean tramitadas polo COAG, ademais de reducir tamén a carga do traballo do rexistro presencial. O operativo ofrecerá validez legal á documentación que se incorpora nos expedientes administrativos, e certificará a seguridade xurídica de todos os actos.

O convenio tamén permitirá a normalización da documentación técnica e administrativa de carácter xeral. Esta documentación, tramitada nos concellos, estará tipificada, estruturada e asinada conforme ao modelo normalizado que o Colexio de Arquitectos se encarga de ter axeitadamente actualizado según as disposicións vixentes. Ademais, o acordo asegura a garantía sobre a identidade e habilitación dos técnicos redactores no caso de traballos visados e sobre a identidade e colexiación, noutros casos.

O procedemento de tramitación colexial inclúe estas verificacións dos técnicos asinantes, polo que se evitará a solicitude e xestión de documentación adicional para a súa constatación por parte dos concellos. Así mesmo, habilitarase un mecanismo telemático que permitirá aos concellos acollidos ao convenio, coa conformidade da persoa solicitante da licenza urbanística ou tramitación urbanística, así como dos técnicos redactores do traballo profesional vinculado, obter en formato electrónico unha copia da documentación técnica e administrativa tramitada no Colexio de Arquitectos.

Así, exímese ós solicitantes da licenza urbanística ou tramitación urbanística da obriga de achegar a documentación en papel ou formato dixital ós departamentos administrativos dos concellos.

Tracking Pixel Contents