Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Día Internacional da Muller

Deporte e memoria feminina no Son

Porto do Son celebra o Día Internacional da Muller cunha programación diversa que mestura cultura, formación e deporte ao longo de todo o mes de marzo, co obxectivo de promover a igualdade de oportunidades e fomentar hábitos de vida saudables

Deporte e memoria feminina no Son

Deporte e memoria feminina no Son

Porto do Son

Un calendario de propostas que se estende como unha rede tecida entre xeracións, convidando á veciñanza a parar, reflexionar e compartir espazos onde a igualdade non sexa só unha palabra, senón unha práctica cotiá que medra na comunidade.

As actividades comezaron este venres coas Xornadas de Muller e Deporte, unha cita que pon o corpo en movemento e a saúde no centro. No complexo deportivo da piscina municipal celebrouse unha sesión de Aquacircuit ás 9.45 horas e , a continuación, unha masterclass de Aquagym ás 11.00 horas.

Crosstraining e charla

O domingo, a programación deportiva continuará cunha actividade de Crosstraining no pavillón polideportivo David Vidal de Portosín, con dúas sesións ás 10.30 e 11.30 horas. Outra proposta que aposta pola forza colectiva e polo impulso de hábitos saudables, lembrando que a actividade física tamén pode ser unha vía de empoderamento e de apoio mutuo.

Ese mesmo día, a partir das 12.00 horas, o Club de Xubilados de Porto do Son acollerá a charla Xornaleiras e emprendedoras na Galicia marítima de antano, impartida por José Manuel Vázquez Lijó, e que estará aberta a toda a veciñanza. Un exercicio de memoria colectiva para poñer luz sobre nomes e traballos que moitas veces quedaron á sombra.

No eido formativo, o 23 de marzo celebrarase o curso Comunicación e manexo do conflito no viveiro de empresas municipal, dirixido a mulleres maiores de 18 anos.

Especial 8M 2026

Especial 8M 2026

Especial 8M 2026

Promoción da igualdade nos centros educativos

Ademais, ao longo de todo o mes de marzo os centros educativos participarán na campaña da Xunta de Galicia Os Bolechas para o fomento da igualdade, e o IES Porto do Son acollerá tamén a iniciativa do Goberno galego Agresión OFF. Eu digo non á violencia sexual, destinada ao alumnado de secundaria e bacharelato. Esta iniciativa nace co propósito de sensibilizar e concienciar sobre a importancia de romper coas condutas violentas e non igualitarias, tanto nas relacións persoais como sociais. Así, ensinaráselle á xente moza a evidenciar as diferentes formas de machismo e como detectalas no día a día. Asemade, informaranlles sobre como previr e combater a violencia de xénero, especialmente a de carácter sexual.

O alcalde sonense, Luis Oujo, explicou que estas actividades «buscan fomentar a reflexión crítica, promover valores de igualdade, respecto e liberdade desde a infancia ata a idade adulta», e animou «a toda a veciñanza a participar, un ano máis, neste completo programa do 8M, co obxectivo de promover a igualdade e un estilo de vida saudable, sen deixar atrás a ninguén e afondando no diálogo e no autocoidado como eixos da igualdade e da visibilidade». n

Tracking Pixel Contents