Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Irmandade da Paixón de Cristo celebra 15 anos impulsando e enriquecendo os actos

«Á Semana Santa de Rianxo vén xente de todo Barbanza»

A Irmandade da Paixón de Cristo celebra 15 anos impulsando e enriquecendo os actos

«Á Semana Santa de Rianxo vén xente de todo Barbanza»

«Á Semana Santa de Rianxo vén xente de todo Barbanza»

Rianxo

A Irmandade da Paixón de Cristo reúne a un grupo de veciños que se encargan cada ano de organizar unha das citas máis agardadas no concello de Rianxo: a Semana Santa. Neste 2026 o colectivo celebra 15 anos de actividade, polo que os seus case 300 membros vivirán os actos relixiosos dunha forma especial. «A xente da vila está moi implicada, saen moitísimas persoas ás rúas para ver as procesións. Non sorprende, porque Rianxo é un pobo de tradicións. Isto hai que vivilo», destaca a presidenta desta asociación sen ánimo de lucro, Loli Yáñez.

Yáñez explica que, antes da formación da irmandade, a Semana Santa non se celebraba na vila con tanta intensidade: «Non había implicación veciñal nin interese en revitalizar a Semana Santa». Non obstante, dende que o colectivo se puxo ao fronte dos actos, apostou por cambiar o rumbo: «Fomos incorporando novidades co paso do tempo. Antes, o Venres de Dores só se facía misa, agora tamén facemos procesión. Ademais, engadimos o Vía Crucis o mércores e, desde hai dous anos, sacamos a procesión do Domingo de Resurrección, que no 2025 tamén contou coa imaxe da Virxe da Esperanza». A estas súmanse as procesións do Xoves e do Venres Santo, así como a do Domingo de Ramos.

Quen experimenta esta tradición relixiosa acompañando os rianxeiros non a esquece. «Cando nos visita algún sacerdote que non é de aquí queda sorprendido polo respecto e a emoción que comparten os veciños, así como polo silencio que se mantén durante as procesións», indica Loli. De feito, di, a Semana Santa rianxeira é cita obrigada para moitas familias da comarca: «Lembro que a miña avoa dicíame que á Semana Santa de Rianxo vén xente de todo o Barbanza porque é única na zona».

Garantir o maior grao de calidade posible nos actos require un enorme esforzo por parte dos integrantes da Irmandade da Paixón de Cristo. «Estamos practicamente todo o ano traballando, uns meses máis e outros menos. Comezamos a inicios de outubro, cando rematamos cos actos da Virxe da Guadalupe e da Virxe das Dores. Nesa etapa decidimos quen se encarga de cada cousa e quen non. E, tras as festas do Nadal, comezamos cos ensaios de tambores. Xa en febreiro e marzo pasamos moito tempo na igrexa para limpar o seu interior, as imaxes e preparalas coas vestimentas», detalla Loli sobre os preparativos previos. Con todo, asegura que tanto para ela como para os integrantes da irmandade «todo o proceso paga a pena para gozar dunha boa Semana Santa».

ESPECIAL SEMANA SANTA 2026

ESPECIAL SEMANA SANTA 2026

ESPECIAL SEMANA SANTA 2026

Por outra banda, a rianxeira destaca o interese da mocidade por manter viva esta tradición tan asentada na vila mariñeira. «Levo moitos anos acudindo ás procesións e vexo que os mozos e mozas tamén están aí, non só a xente maior, aínda que pode ser que cada vez sexan menos». n

Tracking Pixel Contents