A Unidade de Atención temperá, un apoio clave para cambiar vidas
Este equipo multidisciplinar do Centro de Educación Especial de Amicos en Ribeira acompaña desde o primeiro momento o desenvolvemento dos menores con TEA e ás súas familias

A Unidade de Atención temperá, un apoio clave para cambiar vidas
Detectar, comprender e actuar é vital na atención ao autismo durante a primeira infancia, e facelo a tempo pode marcar unha diferenza real no desenvolvemento dun neno ou nena. Un punto no que a Unidade de Atención temperá de Amicos cumple un papel de gran importancia, converténdose nun servizo especializado, personalizado e coordinado, no que cada intervención se adapta á realidade de cada familia.
África é unha das nenas que forma parte deste servizo. Unha rapaza alegre de catro anos cunha familia que a adora e que, como moitas outras, comezaron este camiño con dúbidas, como lembra súa nai Jennifer Alén: «de moi pequeniña detectamos que era moi sensible aos sons e ás luces moi fortes, e tiña comportamentos que non eran comúns». Tras traballar con outros servizos nos que non viron avances moi claros, a familia decidiu buscar un apoio máis específico.
A chegada a Amicos non foi só un cambio de centro, senón de enfoque. A unidade de atención temperá da entidade articúlase arredor dun equipo multidisciplinar, integrado por logopedia, psicoloxía, fisioterapia e pedagoxía; que traballa de maneira coordinada para abordar o desenvolvemento da comunicación, a regulación emocional e as habilidades sociais desde unha visión global.
Na actualidade, arredor dunha decena de nenos e nenas acoden a este servizo, no que cada intervención se deseña de maneira individualizada, atendendo ás necesidades concretas de cada caso e ao momento evolutivo no que se atopa.
«No inicio, cada caso require unha análise moi detallada para definir por onde empezar e como facelo», explica Marta González, psicóloga especialista do Centro de Educación Especial de Amicos en Ribeira (CEEPR). No caso de África, a intervención comezou centrada na área de comunicación, ao tempo que se iniciaba un acompañamento directo á familia.
Este estreito e constante vínculo é un dos piares diferenciáis deste servizo, que é un modelo centrado na familia. «Non traballamos só co neno ou nena, senón tamén co seu entorno. O que sucede na casa é clave para consolidar os avances», sinala Marta.
Jennifer viviu ese proceso en primeira persoa: «Fóronnos guiando a ter máis paciencia, a entender como se sentía e como podiamos axudala. A respirar, a darlle espazo ou a como acompañala o cando o necesitaba». Un apoio que vai máis alá das sesións e que busca dotar ás familias de ferramentas reais para o día a día.
Acción coordinada
Co paso dos meses, e grazas á intervención coordinada do equipo, o traballo foi evolucionando cara outros ámbitos clave. Unha parte fundamental céntrase no desenvolvemento emocional, en aprender a recoñecer as diferentes emocións, tanto as máis agradables como aquelas que xeran malestar, e entender en que situacións aparecen. A partir de aí, trabállanse estratexias para ordenalas internamente e controlar reaccións como os enfados, incorporando técnicas que lles axudan a autorregularse.
«O obxectivo non é eliminar condutas, senón comprender o que hai detrás delas e ofrecer alternativas máis axeitadas», apunta Marta. Un enfoque que require tempo e adaptación constante.
Xunto a isto, o equipo pon o foco na empatía e nas habilidades sociais, traballando cuestións como o impacto que teñen as propias accións nos demais, a importancia de axudar ou aspectos básicos de convivencia: saudar, respectar quendas, aceptar normas ou adaptarse a cambios e imprevistos. Todo iso a través de dinámicas adaptadas á idade, como xogos, contos ou situacións simuladas que facilitan a comprensión.
Os resultados comezan a facerse visibles en distintos contextos. «Avanzou moito na comunicación, cando empezou en Amicos case non falaba», explica a súa nai, así como no comportamento, o que se demostra que «agora ten máis control, entende mellor como actuar».
Ese progreso esténdese tamén ao ámbito social e escolar. África, escolarizada nun centro ordinario, mellorou de forma significativa a súa relación cos iguais, posto que «cos nenos cambiou moito. Antes case non se relacionaba e agora si; hai veces que lle custa e necesita o seu tempo, pero xúntase con eles e ten amigos como calquera outra nena», conta Jennifer.
Seguimento continuo
Outro dos elementos diferenciais do servizo é o seguimento continuo. A comunicación coa familia non se limita ás sesións. «Sempre que xorde algo, mesmo fóra do centro, podo contarllo a Marta e oriéntame en todo momento», destaca.
Porque o obxectivo da atención temperá non é só intervir no presente, senón sentar as bases dunha vida máis autónoma. En Galicia miles de familias conviven co TEA, e para moitas delas dar o paso cara un servizo especializado pode xerar incerteza. Experiencias como a de África amosan a importancia de contar cun equipo especializado e integral que acompañe, oriente e adapte cada intervención á realidade de cada neno ou nena.
- Galicia sumará una tercera salida hacia la Meseta por autovía: aprobado el proyecto del primer tramo de la A-76 en El Bierzo
- La compostelana Urovesa suministrará 12 vehículos Vamtac aerolanzables al Ejército para reforzar su capacidad operativa
- ¿Qué se sabe del cadáver encadenado en el puerto de Ribeira? La Policía investiga si Amador Mos Orellán fue asesinado o se suicidó
- Un escritor gallego hace historia al ganar uno de los galardones de relatos más prestigiosos del mundo
- Santiago estrena un 'take away' de cocina palestina que ya arrasa en sus primeros días
- Una vecina de Figueiras relata el temor ante los robos: 'Tengo dos hijos que ya empezaban a quedarse solos en casa, pero ahora tienen miedo
- El vacuno de carne alcanza precios históricos en Galicia: un ternero que valía 830 euros tras la pandemia se paga hoy a 1.850
- Juan Díaz Villoslada asume este miércoles la gerencia de la Universidade de Santiago