Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Este ano o Gran Desfile pasará a celebrarse na Praza Les Sables d’Olonne

A Laracha repartirá 5.000 euros entre os mellores disfraces

Este ano o Gran Desfile pasará a celebrarse na Praza Les Sables d’Olonne

Disfrace gañador da categoría individual de adultos do ano pasado.

Disfrace gañador da categoría individual de adultos do ano pasado.

A Laracha

A Laracha vive o Entroido dunha forma única e diferente, convertendo esta festa nun escaparate no que aflora o espírito máis creativo da veciñanza. Cada ano, a imaxinación, o traballo en grupo e a posta en escena cobran especial protagonismo, e este 2026 non será unha excepción cun programa municipal no que o Concurso de Disfraces se consolida como o gran eixo da celebración.

Veciños da Laracha disfrazados dun rabaño de ovellas.

Veciños da Laracha disfrazados dun rabaño de ovellas.

O Concello vén de presentar a programación de Entroido, na que o certame de disfraces chega con dúas novidades destacadas. Por unha banda, increméntase de maneira notable a contía dos premios, que poderá superar os 5.000 euros; pola outra, o desfile trasladarase a un novo emprazamento, a Praza Les Sables d’Olonne da Laracha, que se converterá na pasarela de persoaxes sacadas de mitos, contos, soños, e televisión.

O Concurso de Disfraces estará aberto á participación de persoas de todas as idades e contará cun amplo abano de categorías: individual infantil (ata 12 anos), individual adulto (a partir de 13), parellas, grupos de 3 a 8 compoñentes e comparsas con máis de 8 integrantes. A categoría de comparsas volverá ser unha das máis destacadas, cun primeiro premio de 1.000 euros, ademais de 600 euros para a segunda clasificada e 500 para a terceira. As bases tamén contemplan a concesión de ata dez accésits de 200 euros para aquelas comparsas que destaquen pola súa calidade, creatividade ou posta en escena.

No caso dos grupos, os premios serán de 350, 300 e 250 euros, mentres que as parellas optarán a tres galardóns de 90, 80 e 70 euros. Pola súa banda, os participantes a título individual, tanto na categoría infantil como na adulta, recibirán premios de 75, 60 e 50 euros, fomentando así a participación desde idades temperás.

Máis alá do concurso, o programa municipal inclúe diversas propostas pensadas para o público infantil e familiar. O domingo 15, entre as 17.00 e as 20.00 horas, celebrarase a tradicional Festa de Entroido no pavillón do IES Agra de Leborís, con xogos inchables, DJ infantil con coreografías e bailes, así como reparto de larpeiradas para todos os nenos e nenas que acudan disfrazados.

A programación tamén reserva un espazo destacado para a maxia en directo. A Casa da Cultura acollerá dúas funcións ás 17.30 horas: o luns 16 será Dani García quen presente a súa Gala de maxia Abraio, mentres que o mércores 18 chegará o espectáculo A maxia de Joshua Kenneth. Ambas as actuacións contan coa colaboración do programa Dinamiz-ARTj do Instituto para la Transición Justa.

Como complemento, organizaranse obradoiros de máscaras elaboradas con materiais de refugallo, que se desenvolverán na Casa da Cultura as mañás do luns 16 e do mércores 18, dirixidos a alumnado de Educación Infantil e Primaria. Por outra banda, A Laracha imulsará un programa de concicliación que estará activo o luns 16 e mércores 18 e que está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.

Especial Entroido 2026

Especial Entroido 2026

Especial Entroido 2026

Con esta programación lúdica, o Concello da Laracha reforza a súa aposta por un Entroido participativo, creativo e inclusivo, no que a imaxinación da veciñanza e o Concurso de Disfraces volven situarse como unha das citas máis esperadas do calendario festivo no norte coruñés. n

Tracking Pixel Contents