El Correo Gallego Tierras de Santiago Radio Obradoiro Correo TV Ediciones Digitales Telecable Compostela Anova Multiconsulting Edicions Correo agrupación deportiva

Grupo Correo Gallego

GALICIA HOXE UN REFERENTE VITAL DO NOSO IDIOMA

Dicía a portada do número 1.000 que Galicia Hoxe é periodismo comprometido coa Galicia de hoxe, é información plural, é opinión libre, é parte do ADN dun país orgulloso da súa historia e con fe no seu futuro, é voz crítica dende o sosego, é territorio de solidariedade, é cor, é luz, é palabra, é eu, é nós, é o mundo en mil días, é mil mundos cada día, é idioma, é sociedade, é vento, é un proxecto vivo.

Efectivamente, e aínda se pode dicir que é un proxecto único porque é o único que ve, que amosa e que explica o mundo en galego en todas as páxinas todos os días, cun altísimo valor no proceso de normalización da lingua galega.

Naceu o 17 de maio de 2003, xusto no momento no que ‘O Correo Galego’, primeiro diario en galego da historia, deixou de existir e lle deu paso. Desde o primeiro día, Galicia Hoxe amosou inequívoca vocación de ter identidade de seu, de achegarlles ós lectores a actualidade con solvencia desde unha personalidade propia e marcadamente galega, cunha importante oferta de opinión procedente de todo o arco ideolóxico, cunha maquetación moderna que contribúe a que os temas aparezan dun xeito directo e contundente, cunha presentación que permite a lectura rápida e o acceso fácil ós detalles e cun xeneroso espazo destinado á información gráfica.

Galicia Hoxe opta por unha organización temática da información que permite mirar de preto pero tamén ó lonxe, para observar, entender e, finalmente, comunicar con afán integrador e desde un punto de vista galego.

Que Galicia Hoxe é diferente queda patente mesmo na catalogación e denominación das áreas informativas. Unha delas, Vivir Hoxe, unha proposta de viaxe ó lado máis humano, avanza en tres direccións que se presentan como Vivir Galicia, Vivir Sociedade e Vivir Aulas e que relatan asuntos próximos, que nos afectan a case todos dun xeito ou doutro, que nos conmoven e nos golpean. Son 10 ou 12 páxinas decote polas que pasean a ecoloxía, unha das grandes preocupacións do xornal; a sanidade, a educación e os problemas sociais.

A información política agrúpase na sección Política Hoxe que amosa, por esta orde, os ámbitos galego, nacional e do mundo, obviamente, cun especial coidado por todo o relacionado coa vida política do noso país.

Outra das seccións aloumiñadas por Galicia Hoxe é a de cultura, tan ampla e dinámica como o seu nome: Maré. Unha media de oito páxinas cada xornada concentran esencia e identidade, dando eco a todas as inquietudes, desde a máis tradicional á máis vangardista, para espallar a maior oferta cultural diaria da prensa galega abordada con imaxinación e orixinalidade.
Tamén é unha oferta orixinal e pioneira a denominada En Rede, dúas páxinas diarias dedicadas á rede Internet e ás novas tecnoloxías. Trátase da máis ampla e detallada oferta deste tipo, se deixamos a un lado as revistas especializadas que se publican cada semana ou cada mes. O xornal Galicia Hoxe está moi sensibilizado con todo o relacionado coa Sociedade da Información. Ten o seu propio sitio web (www.galicia-hoxe.com) e participa activamente en todas as iniciativas que neste ámbito nacen e medran en Galicia, algunhas tan importantes para o país como a axuda á creación e promoción da Asociación Puntogal, que permitirá que Galicia dispoña dun dominio propio na rede de redes.

Completan a oferta informativa as áreas de Economía, Deportes, Comunicación, Televisión e unhas elaboradas páxinas de servizos nas que os lectores dispoñen da relación dos actos do día nas cidades de Galicia e mais dunha completa axenda que axuda a programar o ocio. Pechan as contraportadas, que son espazos desde os cales diversos colaboradores intentan sorprender xornada tras xornada.

Grupo Correo Gallego

Un suplemento diferente para cada día da semana

Galicia Hoxe tamén responde, desde as súas páxinas, ó interese dos lectores polos ámbitos máis específicos e, baixo as cabeceiras de Lecer, Océano Internet, Descubrir, Universidade, Revista das Letras, Hoxe Venres e Bolboreta, publica un suplemento cada día da semana, con espazos específicos para lecer, novas tecnoloxías, ciencia, universidade, letras, saúde e ocio. Investigación, divulgación, entretemento e servizos ó alcance de todos. Ademais, cada mes ofrece Altermundo, doce páxinas dedicadas a analizar as circunstancias da globalización, os efectos sobre o conxunto dos países e as denuncias e alternativas propostas desde os máis diversos lugares do globo.

Colaboradores

Galicia Hoxe presta especial atención ás colaboracións e, desde o seu nacemento cedeulles as súas páxinas de opinión ás voces de persoas de todas as tendencias ideolóxicas. É unha longa lista de nomes entre os que se encontran Xosé Manuel Beiras, Miguel Anxo Fernán-Vello, Pedro Puy, Yolanda Castaño, Lupe Gómez, Marcos Valcárcel, José María Seijas, Salvador Soutullo, José de Cora, Avelino Abuín de Tembra, Antonio Gutiérrez, Manoel Santos, Xosé Antonio Gaciño, Joaquim Ventura, Iolanda López, Xosé Lois García, Alfredo Iglesias Diéguez, Alfonso Vázquez Monxardín, Xulio Ríos, Albino Mallo, Manuel Vidal Villaverde, Rosa Aneiros, X. Ramón López Boullón, Xosé María Máiz, José Luis Losa, Anxo Tarrío, Plácido Lizancos, Benedicto García, Abel B. Veiga Copo, Marcelino Agís, Fran P. Lorenzo, Alberte Brenlla, Pedro Rielo, Navia Franco, Xavier Castro, Xosé Manuel Rivas, Xosé Cermeño, Roberto G. Méndez, Xaime Leiro, Susana de la Gala, Clodio González, Manuel Dourado, Henrique Alvarellos, Pilar Pousada, J. Miguel Giráldez, Manuel Xosé Neira, Juan Ordóñez, Gustavo Duch, Inés Ruiz, Xosé Ramón Pichel…

Publicacións

Galicia Hoxe continuou coa tradición iniciada por O Correo Galego de regalar con cada exemplar do día seis de xaneiro un libro que recolle todas as portadas do ano, e adoita agasallar os seus lectores con publicacións moi diversas cando celebra algunha efeméride ou por razóns que se consideran especiais. É este o caso do libro que recompila unha selección de artigos de Xosé Manuel Beiras aparecidos todos os domingos na páxina tres do xornal baixo o epígrafe xenérico de ‘De catro a catro’. O libro, titulado ‘De nunca máis a máis alá’ presentouse o pasado 23 de xullo e entregouse co periódico o 25, Día de Galicia.

Tamén merecen ser destacados os titulados ‘En construcción’, que reflicte as vivencias do país con textos e imaxes recollidas durante 24 horas; ‘Feito en Galicia’, con 99 crónicas que compendian a imaxinación e o enxeño dos galegos, os inventos, as iniciativas e mesmo as súas audacias inventivas; ‘Mar de estrelas’, fermoso volume con impresionantes escenas dos fondos mariños; ‘Todo pasa, todo queda’, que compara fotografías antigas e de agora; o catálogo de opinión ‘O poder da palabra’ ou os seis volumes de contos infantís de ‘Uxía e os pillabáns’ e ‘O sorriso de Claudia’, este último con vocación de fomentar unha conciencia verde nos escolares galegos.