El Correo Gallego

Comarcas » A Estrada - Deza

cultura

González proxecta crear na Estrada un museo arredor da obra de Silva

O cineasta ourensán presenta esta tarde o libro "O retratista de Gardel" // · Nunca esqueceu as súas orixes", comenta sobre o autor natural de Montillón

MÓNICA GONZÁLEZ CONDE • A ESTRADA   | 17.07.2007 
A- A+

Ismael González presenta hoxe o libro no teatro Principal da Estrada

"O seu avó quería que fora o mellor aloitador da rapa de Sabucedo pero acabou sendo o mellor fotógrafo de Urugai e Arxentina". Ismael González Díaz, atopou a José Mª Silva, o protagonista do libro que hoxe presenta na Estrada, (as oito da tarde) case por casualidade. O cineasta ourensán andaba detrás dunha película sobre o mito de Carlos Gardel, dirixida polo seu fillo, ­Ismael González Esteban.

Nunha conversa con Neira Vilas, mentres preparaba o filme Memorias dun neno labrego, o escritor de Gres deulle a pista. O home que retratara a lenda do tango era galego e vivira no Uruguai. Ismael González comezou a procura do retratista para complementar a película do seu fillo, El tango se llama Gardel, que tamén se presentará hoxe no teatro estradense.

Xurdía así o rescate de Silva, nado en Montillón de Arriba (A Estrada) en 1897, e que se converteu en toda unha institución en terras austrais. "Representa a emigración galega de principios de século, unha das etapas máis duras. Silva foi unha gran persoa", conta o autor de O retratista de Gardel.

A familia do fotógrafo, que hoxe asiste á presentación, quedou profundamente agradecida polo traballo do cineasta galego, que como Silva tamén foi emigrante. Logo do libro, virá un documental realizado polo seu fillo, sobre a vida e obra do home co que case se paralizou Montevideo o día da súa morte."Foi unha auténtica conmoción no país", conta González sobre o autor, que nunca esqueceu as súas orixes pese a non volver a Galicia. "A casa que teñen na praia en Uruguai chámase Montillón de Arriba", explica o seu biógrafo. "Tiña ideas republicanas pero cando a situación cambiou en España xa era maior", engade.

Trinta mil negativos

Aínda que a mítica imaxe de Gardel lle reportou gran sona, Silva deixou na súa longa traxectoria (finou con 102 anos) un auténtico patrimonio. "A familia ten 30.000 negativos. Silva no só foi testemuña da historia de Urugai senón tamén da emigración galega", sinala o autor. Por iso, no seu labor restituínte, González defende a idea de crear na Estrada que viu nacer ao insigne retratista o museo da fotografía de Galicia, un proxecto que levaría o seu nome e que comezaría a andar coa incorporación de fondos de Silva ao arquivo da emigración que garda o museo municipal estradense.

Coa publicación de O retratista de Gardel, o cineasta do Carballiño dá o primeiro gran paso para saldar unha pequena débeda con aquel neno de Montillón que perdera o pai na guerra de Cuba, e con 6 anos embarcou coa nai cara ás Américas.

REPERCUSIÓNS

Un obxectivo dos "gardelianos"

"Cada día hai en internet 600.000 descargas sobre Carlos Gardel". Para González, A Estrada, como terra natal do retratista do cantante, ben podería converterse, a través da rede, noutro reclamo turístico para os milleiros de gardelianos que manteñen vivo o mito do vocalista. Despois dunha longa traxectoria como cineasta, González, establecido en Madrid dende que volveu de Venezuela nos anos 60, embarca agora na apaixonante vida de Silva, traballo que se suma á súa longa lista de producións en Galicia, e ao seu papel de precursor na distribución de filmes de "arte e ensaio" .

O DATO

Volta ás raíces

Un fillo de Silva, Julio César e outros membros da extensa familia do fotógrafo, chegaron onte dende Montevideo para asistir á presentación da obra sobre o creador do mítico estudio Foto Silva .