El Correo Gallego

Comarcas | comarcas@elcorreogallego.es

cultura

Luisa Merelas: "Co que máis gozo é co teatro, porque está vivo"

A actriz foi premiada co Maruxa Villanueva de interpretación en Padrón // Actualmente está inmersa na estrea da obra de Celso Parada 'O club da calceta'

V. O. • SANTIAGO   | 29.02.2008 
A- A+

Luisa Merelas, actriz

Luisa Merelas aínda non ten claro cando vai recibir o último galardón co que foi agasallada hai unha semana, o Maruxa Villanueva de interpretación teatral promovido polo Concello de Padrón. Ela é quen ten que elixir a data. Iso si, a condición que pon o Concello é que ten que ser pola tarde.

O premio padronés concedéuselle pola súa calidade e traxectoria como actriz e polo seu papel de Mathilde Serpenoise no espectáculo O regreso ao deserto, do Centro Dramático Galego. Maila agradecer ese recoñecemento, a actriz coruñesa non lles dá "demasiada importancia aos galardóns" (a interpretación deste personaxe tamén lle valeu o María Casares). Iso si, pensa que estes recoñecementos son "un cariño que che dá o público e ves que o teu traballo non é en van".

Boa parte da carreira de Merelas vai parella á profesionalización do teatro galego, que ao seu ver, non pasa polos seus mellores momentos. "Non o vexo moi ben. Parece que non evolucionou. Hai demasiadas compañías de teatro e un actor non pode vivir só do teatro. Eu mesma combínoo coa dobraxe, coa televisión e co cine, como moitos actores galegos".

Merelas confesa que a pesar de non importarlle dedicarse a outras cousas "co que máis gozo é co teatro, porque está vivo; marchas co personaxe na cabeza e sempre tes que estar preparada para saír a escena". Estes días Merelas ultima os ensaios da próxima obra de Celso Parada con Teatro do Morcego: O Club da calceta. Trátase dun espectáculo inspirado no texto de María Reimóndez, que consta de sete monólogos femininos.