El Correo Gallego

Comarcas | comarcas@elcorreogallego.es

Manuel Mirás sitúa as infraestruturas educativas e as comunicacións de Oroso como prioridades para o novo mandato

Foi elixido alcalde por maioría absoluta na sesión de constitución da nova corporación de Oroso celebrada este mediodía

REDACCIÓN. OROSO  | 11.06.2011 
A- A+

Manuel Mirás Franqueira foi elixido alcalde de Oroso para os vindeiros catro anos na sesión de constitución da nova corporación celebrada este mediodía. A candidatura de Mirás obtivo o respaldo dos sete concelleiros do grupo municipal do PSdG-PSOE, o que supón a maioría absoluta do pleno. O grupo municipal do PP retirou a candidatura á alcaldía de José Manuel Balado e emitiu os seus catro votos en branco. Pola súa parte, tanto os candidatos do PGD, Manuel Siverio Mirás, como do BNG, Xosé Manuel Pérez, votáronse a si mesmos.

Nada máis prometer o cargo e recibir o bastón de mando de mans de Manuel Siverio Mirás como presidente da mesa de idade, Manuel Mirás interviu para agradecer o apoio recibido polos electores de Oroso e o traballo do seu equipo. Anticipou que nos vindeiros catro anos tratarán de proseguir co “gran cambio experimentado por este concello nos últimos anos”, nos que “pasamos de ser un concello practicamente descoñecido a ser un concello punteiro en moitísimas cousas, aínda que nos queda moitísimo por facer”, declarou.

Infraestruturas educativas e comunicacións

Así, o alcalde prometeu “todo o empeño posible” para que antes de dous anos estea en servizo unha nova escola infantil para que haxa prazas suficientes para todos os nenos e nenas menores de tres anos. “Nos últimos anos fixemos un grande esforzo nas políticas de conciliación e queremos solucionar canto antes a falta de espazo para que todos os cativos poidan estar debidamente escolarizados”, suliñou Manuel Mirás.

Xunto coas infraestruturas educativas, o rexedor de Oroso anunciou que tamén tratarán de acometer un centro de día para a terceira idade e un local para a xuventude, ademais de novos espazos para usos culturais e deportivos. Lembrou que ata agora xa se puxeron en marcha equipamentos de tanta envergadura como o Centro Cultural Fernando Casas e Novoa, o Centro Deportivo ou a modernización do polideportivo municipal, pero observou que “empezan a quedarse pequenos polo enorme uso cidadán que rexistran”.

En canto ás comunicacións, Manuel Mirás tamén fixo fincapé na necesidade de resolver “o gravísimo problema dos atascos da N-550 e a excesiva intensidade de tráfico duns 32.000 vehículos diarios por Sigüeiro, pero tamén por Oroso, Deixebre e Trasmonte”. O alcalde advertiu de que “o novo acceso da AP-9 será un alivio, pero non é a solución definitiva”, de modo que se marcou como reto conseguir unha variante alternativa á N-550. “Non será doado, pero loitaremos por tela”, indicou.

Do mesmo xeito, asegurou que o Concello de Oroso destinará importantes investimentos nos próximos anos a mellorar as comunicacións na rede viaria da súa titularidade e na que serve de acceso aos concellos limítrofes, e a estender a rede de abastecemento de auga potable aos núcleos que carecen deste servizo.

En canto ás comunicacións telemáticas, Mirás anunciou que emprazará ao Ministerio de Industria e á Consellería de Economía e Industria que acometan no menor tempo posible os investimentos necesarios para facer chegar a banda ancha de acceso a internet ata toda a poboación. Desbotou facelo por iniciativa municipal “porque a lei impídeo e outros concellos que o intentaron tiveron que botarse atrás”.

Plan Xeral

En canto ao urbanismo, Mirás explicou na súa intervención que o novo goberno intentará introducir melloras no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) “ata onde nos permita a lei e sen sacarlle nada de todo o que ten de bo”. Lembrou que o actual plan se aprobou con el na alcaldía e “nun momento moi importante, adaptándose á entón nova lei do solo e conseguindo quizais o mellor PXOM de toda Galicia”, expuxo Mirás.

Xestión económica

Manuel Mirás sinalou que a xestión económica para os vindeiros anos vai seguir caraterizándose por “evitar os gastos improdutivos e superfluos e xerar aforro para destinalo a investimentos”. Ao seu entender, esta liña de traballo contribuirá a cumprir o reto de atender as demandas da cidadanía. “Sabemos que é importante estar en contacto coa xente porque vai sempre un paso por diante de nós nas demandas, e son precisamente os recursos económicos os que ás veces nos impiden chegar a tempo”, reflexionou.

Oferta de colaboración á oposición

Por último, Mirás agarda que tanto el como alcalde como o seu equipo de goberno “esteamos á altura das circunstancias” nesta nova etapa e comprometeuse a que “por falta de dedicación non vai ser”. Dirixiuse tamén aos tres partidos da oposición co desexo de ter “unha boa relación” e superar a “falta de entendemento” producida no mandato que acaba de rematar. “Téndolles, non unha, senón as dúas mans para acadar ese entendemento e unha colaboración mutua desde a sinceridade”, ofreceu, á vez que lembrou que “para recibir un bo trato, tamén hai que dalo”.

Os concelleiros que tomaron posesión na sesión desta mañá son:

Manuel Mirás Franqueira (PSOE)
Antonio Leira Piñeiro (PSOE)
Vanessa Reboredo Fraga (PSOE)
Eduardo Veiras Rey (PSOE)
María del Carmen Liste (PSOE)
José María Castro Rial (PSOE)
Luís Rey Villaverde (PSOE)
José Manuel Balado Martínez (PP)
Telmo Rodríguez Cid (PP)
Ana Varela Rico (PP)
Javier Alfonso Grela Mosquera (PP)
Manuel Siverio Mirás Liñares (PGD)
José Manuel Pérez Penas (BNG)

As novas incorporacións son Antonio Leira Piñeiro e Luís Rey Villaverde (PSOE) e todo o grupo municipal do PP: José Manuel Balado Martínez, Telmo Rodríguez Cid, Ana Varela Rico e Javier Alfonso Grela Mosquera.