Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Quedan doce días para gastar as tarxetas Merc@mes ou pedir os cartos

Os titulares terán ata o vindeiro día 15, e logo van poder recargalas en futuras campañas

Campaña de difusión das tarxetas Merc@mes a cargo dos artistas Pepo Suevos e Fátima Pego. foto: CDA

Campaña de difusión das tarxetas Merc@mes a cargo dos artistas Pepo Suevos e Fátima Pego. foto: CDA / M. Outeiro

M. Outeiro

Ames. Quedan só doce días para que remate a segunda fase da campaña das tarxetas-bono Merc@mes, témolo todo! E as persoas que o día 15 do mes de novembro non teñan gastado todo o saldo das tarxetas poderán solicitar a devolución do importe non consumido á Xuntanza de empresarios de Ames (XEA), pero sen incluír a parte proporcional da subvención.

Ademais, a concellaría de Promoción Económica lembra que non se deben tirar as tarxetas, posto que poderán recargarse nas próximas campañas. A segunda fase desta iniciativa esgotou as 2.800 tarxetas que se puxeron á venda (mil tarxetas de 50 euros e 1.800 de 100 , o que supón un total de 230.000 euros dirixidos á promoción do comercio e da hostalaría). E, a 17 de outubro, xa se investiran 145.657 euros no comercio local. As tarxetas utilizáronse en 190 establecementos de Ames, xerando unha media de 766 euros de negocio en cada un deles.

En total, realizáronse preto de 200 operacións diarias, investindo case catro mil euros ao día, e no que vai de campaña, completáronse 5.729 operacións. Cómpre salientar que o récord de vendas produciuse o 1 de outubro, día no que os clientes gastaron no comercio local 7.589 € e visitaron 251 establecementos. A esta cifra hai que engadirlle cinco xornadas con máis de 6.000 euros de vendas.

Acumulan a maior facturación comercios coma tendas de deporte ou librarías, seguidos dos restaurantes e das tendas de alimentación (froiterías e carnicerías). M. O.

Tracking Pixel Contents