Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Fútbol sala e teatro: un Nadal do máis activo en Boqueixón

Haberá torneo no pavillón municipal do Forte e actuacións na Casa da Cultura de Camporrapado

Papá Noel xa visitou a rapazada das escolas do municipio. |   CEDIDA

Papá Noel xa visitou a rapazada das escolas do municipio. | CEDIDA

Boqueixón

O Nadal en Boqueixón chega cunha programación que aposta de xeito especial polo deporte e polos espectáculos familiares, convertendo as vacacións nun tempo para a participación, a diversión e o encontro da veciñanza arredor do lecer activo e da cultura escénica.

A xornada deste 24 de decembro arranca coa celebración do Torneo de Nadal de Fútbol Sala, que se desenvolverá hoxe e mañá no pavillón municipal do Forte. A competición incorpora este ano unha nova categoría, polo que contará con modalidades júnior, xuvenil e sénior, dirixida a persoas maiores de 16 anos, cun máximo de dúas persoas non empadroadas por equipo. O torneo consolídase como unha cita deportiva destacada destas datas, fomentando a participación e a convivencia arredor deste deporte.

A programación cultural continuará co ciclo de teatro familiar Escena Pequena, que ofrecerá dúas funcións gratuítas na Casa da Cultura de Camporrapado, ambas ás 17.30 horas e con entrada libre ata completar aforo. O sábado 27 de decembro, a compañía Fantoches Baj representará Pedro e o lobo, unha versión orixinal do conto clásico realizada con monicreques manipulados coa técnica xaponesa do bunraku e acompañados coa música do clásico Prokófiev. A peza sitúa a historia nun mundo rural illado da modernidade e contextualiza o conto nunha estación de tren pechada, nun espazo que quixo ser moderno, pero que finalmente foi abandonado e que a natureza comeza a recuperar.

Xa no 2026, en concreto o 3 de xaneiro, o ciclo pecharase coa proposta Os fabulosos cleaners, de Malasombra Producións, un espectáculo visual e cheo de humor baseado nas posibilidades das pompas de xabón, pensado para sorprender a públicos de todas as idades. A historia conta como dous operarios da limpeza do teatro descobren por casualidade as posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo creando una experiencia máxica, chea de cor e moito humor.

ESPECIAL NADAL 2025

ESPECIAL NADAL 2025

ESPECIAL NADAL 2025

E para quen non sexa fan do barbudo de vermello, a programación continúa máis alá do Nadal. O luns 5 de xaneiro, Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ao polideportivo do Forte, onde desde as 17.00 horas se celebrará un Festival de Reis, con Boqueixogo, animación e chocolatada, nunha tarde pensada para gozar en familia. A diversión prolongarase ao día seguinte, o martes 6 de xaneiro, á mesma hora e no mesmo espazo, cunha segunda xornada de Boqueixogo, que contará cunha variada e divertida colección de inchables para a cativada.

Tracking Pixel Contents