Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Val do Dubra vólvelle abrir as portas ao reencontro

O alcalde, Diego Luís Díaz, pon en valor unha celebración que cada ano, dende hai 42 anos, reúne os que quedaron e os que marcharon

Diego Luís Díaz, alcalde de Val do Dubra.

Diego Luís Díaz, alcalde de Val do Dubra. / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

Val do Dubra

Val do Dubra vive a súa 42º edición da Festa do Emigrante, a súa festividade máis simbólica. As celebracións arrincaron onte coa tradicional Festa da Cervexa, unha exaltación desta popular bebida. En palabras de Diego Luís Díaz, alcalde de Val do Dubra, esta primeira xornada de festa é «unha xornada moi local, na que xa comezan a chegar as persoas que viven fóra, a xente de Val do Dubra que regresa para pasar estas festas».

Festa do Emigrante 2026

Festa do Emigrante 2026

Festa do Emigrante 2026

É o primeiro reencontro dun programa que cada ano converte o municipio nun punto de encontro para centos de veciños e visitantes, recuperando o ambiente das grandes celebracións estivais e fortalecendo os lazos entre as distintas xeracións de dubreses. Dende ese primeiro día xa se percibe o espírito dunha festa pensada para volver compartir tempo coa familia, cos amigos e coa terra de orixe.

A xornada festiva de hoxe, venres 7, comezará tras o acto oficial de apertura coa homenaxe ao escultor Xosé Castiñeiras, creador da estatua do emigrante, que, para o alcalde, «representa en grande medida e por moitos motivos a Val do Dubra, unha terra de emigración, de xente que tivo que marchar en diferentes etapas». Esta escultura converteuse nun dos grandes símbolos da celebración, un recordo permanente ás persoas que tiveron que deixar a súa terra en busca dun futuro mellor e un recoñecemento ao vínculo que mantiveron sempre co municipio. Cada ano, este acto serve tamén para reivindicar a memoria de todas esas xeracións que contribuíron ao desenvolvemento da vila desde a distancia.

Estes días Val do Dubra tamén é un lugar de chegada para persoas todas as idades, con citas como o Jran Prix, que «é un conxunto de actividades dirixidas á mocidade. Son diferentes probas de competición, pero sobre todo para botar unhas boas risas». A verbena da noite correrá a cargo das orquestras Origen e Marbella e a Disco Móbil EME Music. O día de mañá, sábado 8, comezará co pasarrúas da charanga Os Celtas. Sardiñada, torneos deportivos, teatro... Unha morea de actividades amenizarán o día antes do prato forte das festas: a verbena a cargo de Metrópolis e a actuación de Ortiga, á que lle poñerá o broche EME Music.

A festa está organizada pola Asociación Cultural do Emigrante. Esta entidade, en palabras do alcalde, «creouse exclusivamente para a organización desta festa. Así que se encarga do traballo organizativo, da xestión do Jran Prix, de todo o que hai arredor, como a cea das peñas, e tamén colabora na organización das diferentes actividades que hai durante a Festa do Emigrante, como a sardiñada do sábado. Tamén se ocupa de recadar as colaboracións dos comercios e da hostalaría local. En definitiva, fai un importante traballo de apoio ao Concello».O labor do colectivo resulta fundamental para que unha celebración destas características poida manterse viva despois de máis de catro décadas.

Porque, ao final, a Festa do Emigrante non é só unha cita no calendario. É o momento no que Val do Dubra volve xuntar os que quedaron e os que un día marcharon. Moita xente volve, en palabras de Diego Luís Díaz, «porque temos unha natureza impresionante, unhas rutas que paga a pena percorrer, enclaves para visitar, unha gastronomía moi potente e estamos ao lado da capital de Galicia». Durante tres días, o municipio recupera o bulicio das grandes ocasións, con familias que se reencontran, amizades que se retoman e xeracións enteiras que volven compartir as rúas da súa terra. Son días para volver gozar coa familia, cos amigos e coa terra. Unha celebración que, ano tras ano, segue facendo honor ao seu nome e que, para moitos, marca o verdadeiro regreso á casa. Porque, máis alá da festa, o que se celebra é un sentimento de pertenza que permanece intacto. n

Tracking Pixel Contents