Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cen anos elaborando o mellor pan en familia dende Solláns

Unha das barras en formato xigante que elaboran. Foto: C.G.

Unha das barras en formato xigante que elaboran. Foto: C.G. / Marcos Manteiga

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Marcos Manteiga

Hai cen anos, o 23 de abril de 1920, abría as súas portas en Teo a Panadería Solláns, un negocio que todavía segue en marcha grazas á familia Martínez. E hoxe manteñen a cancela aberta os irmáns Juan José (56 anos) e Francisco (52) que, xunto con Milagros (65), son os netos de José Martínez, antergo que entrou a traballar a principios do pasado século neste establecemento, daquela ubicado moi preto do actual inmoble. A covid, sen embargo, obrigoulles a rebaixar á metade os 500-600 quilos que amasaban cada mañá, incluindo formatos xigantes e tamén repostería.

“O meu avó quedou orfo, e viña dende Extramundi. Daquela tería vinte e pico anos, e vía que este negocio podía dar máis, polo que aos poucos anos decidiu primeiro alugarllo e logo quedar con él, xa definitivamente, alá polo ano 1926”. Esta é a xénese dun auténtico rescate empresarial que permitiu a este padronés emprendedor gañarse a vida e, ao tempo, darlle un produto de calidade aos seus novos veciños, segundo aporta Francisco, o menor dos netos. Porque de calidade saben un rato, mamárona dende que naceron e teñen claro, por exemplo, que nin o pan daqueles tempos era tan bo nin o actual tan malo.

EQUILIBRIO. “As fariñas hoxe están moi equilibradas; nós mercámosllas a un rapaz da Estrada, e hai xente que di que non son como as de antes... pero eu digo se é necesario facer como o meu avó, e pasar horas peneirando para deixala en condicións. Non se lle pode botar a culpa do produto á materia prima que temos”, continúan estes profesionais. Postos a desmontar mitos, os Martínez teñen igualmente claro que “hai pan precocido moi rico”, e tamén que “a auga e o 50 por cento do produto”. Este último ingrediente, a súa vez, ten relevancia tanto pola calidade como pola cantidade: “Todo o pan que leve moita auga é máis rico, por iso o que se fai no norte é valorado, supoño que porque no sur simplemente empregan menos líquido para facelo”, explican. E respecto da súa impronta na masa, Francisco Martínez é rotudo ao afirmar que “o máis rico que comín na vida era de Ponteareas, e preguntando soubemos que o panadeiro, da zona do Porriño, usaba auga dunha traída de Mondariz, de aí o sabor”.

O seu día a día comeza ás 03.00 horas, para preparar os ingredientes –“antes empezaban xa pola tarde”, lembran os irmáns–, e meter no forno as pezas que xa se poderán mercar dende as 06.30 ou 07.00 horas. A Panadería Solláns traballa en Teo, pero tamén en Santiago, e sufriron o golpe da pandemia, xa que a hostalería supón “o redor da metade do noso negocio”, incluindo pezas de ata dez quilos, por encarga, “e que é moi cómodo para que os restaurantes fagan racións ou por exemplo, tostas”.

Precisamente, na capital galegarexentan o local O Pan de Andrea (en Cardeal Paya, número 6 baixo), un segundo establecemento que tamén presume do plus de calidade que caracteriza a estes artesáns teenses. Unha morea de choio para que vostede poida poñer na mesa este manxar por preto dun euro, uns prezos que, aclara Juan José, “levan sen subir dende 2011, aínda que si que aumentaron os custes da electricidade ou os salarios”, aporta. Do que xa non están tan ceros é de cal será o futuro desta empresa, e se haberá relevo xeracional, mentras rematan rendindo unha sentida homenaxe a quen se encargou de levar as rendas do negocio durante medio século, aínda sendo herencia do seu pai: a súa nai Otilia Andrea García, finada hai pouco e á que tanto lle deben, eles e nós.

Tracking Pixel Contents