Víctor Lens expón 14 óleos en Lousame baseados na filosofía

Víctor Lens ante unha das súas obras / C.L.

Víctor Lens ante unha das súas obras / C.L. / s. souto

s. souto

A casa da cultura de Lousame acolle a exposición pictórica Retrospectiva, formada por 14 óleos do artista Víctor Lens (A Coruña, 1945) e que pode visitarse de balde ata o vindeiro 21 de abril. Un total de 106 obras forman a traxectoria pictórica do autor dende 1973. Os 14 óleos que protagonizan esta mostra lousamiá datan dos últimos catro anos, entre 2019 e 2022. “Quero que os espectadores sexan partícipes das obras, que están fundamentadas en cuestións filosóficas do postestructuralismo”, afirma o artista, afincado en Oleiros.

Lens explica que o proceso de construción das súas pinturas require de moito tempo, xa que tarda dous meses “en pensar o cadro, facer o bosquexo e pintalo”. “A multiplicidade de pensamentos que provoca unha creación abstracta é moi superior ó resto. Isto, na literatura, tamén se atopa nas obras de Umberto Eco. Eu tento dar facilidades para que o público poida interpretar as obras”, sinala Lens, quen non se enmarca en ningún estilo artístico que non sexa a súa propia expresión persoal.

Crítico ca visión mercantilista da arte, o pintor indica que a rexeita como mercado porque as súas obras “aportan visións diferentes da vida e están baseadas en grandes autores da filosofía, desde 1800 ata a actualidade”.