Os veciños da Laracha disporán en setembro dunha nova senda peonil

Ethel Vázquez e José M. López supervisando as obras /c. da laracha

Ethel Vázquez e José M. López supervisando as obras /c. da laracha / REDACCIÓN

REDACCIÓN

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, confirmou durante a súa visita á Laracha que os veciños disporán en setembro da nova senda peonil entre O Cancelo e Proame, que completará un itinerario continuo de máis de 7 quilómetros na AC-552 cun investimento de case 1,5 millóns.

Vázquez Mourelle, acompañada do alcalde, José Manuel López, supervisou a marcha das obras da senda que a Xunta está a executar pola marxe esquerda en paralelo á estrada autonómica.

Trátase dun itinerario de 2,2 quilómetros de lonxitude e cun ancho medio de 2,5 metros. Nas zonas de vivendas e negocios acondicionaranse áreas de aparcadoiro en liña. Ademais, na contorna hai catro paradas de autobús con marquesiña, que manterán a súa situación, pero mellorarase a súa accesibilidade, creando máis espazos para os peóns, con pavimento táctil diferenciado nas zonas de cruce e nas paradas.

Na zona do cruce sobre o rego de Quenxe irá unha pasarela de preto de dezaseis metros de longo con varanda metálica para darlle continuidade ó itinerario.

A nova senda súmase á xa executada no Cancelo, na zona de acceso á autoestrada AG-55 e ao parque empresarial, e ás habilitadas en 2017 e 2018 que unen A Laracha con O Cancelo e Paiosaco.