O Pino abre a inscrición do campamento de conciliación Lecer Semana Santa 2023

O programa cobre as necesidades de conciliación das familias con menores de 3 a 12 anos // Desenvolverase en catro sesións, os días 3, 4, 5 e 10 de abril // O prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de marzo.

Imaxe do programa Lecer Semana Santa 2022

Imaxe do programa Lecer Semana Santa 2022 / Concello de O Pino

ECG

O Concello de O Pino abre hoxe o prazo de solicitude para participar no Lecer Semana Santa 2023, o campamento urbano destinado a nenas e nenos de 3 a 12 anos para favorecer a conciliación durante as vacacións escolares. As actividades desenvolveranse no pavillón municipal e exteriores do CPI Camiño de Santiago en catro sesións: os días 3, 4, 5 e 10 de abril. O horario vai das 8.30 ás 14.30 h, podendo efectuarse a recollida das rapazas e rapaces a partir das 13.30 horas. O programa ten un custo de 10 euros, se ben hai descontos para familias numerosas a partir do segundo menor inscrito.

O Lecer Semana Santa 2023 ofrece 50 prazas para aquelas familias do municipio con necesidades de conciliar a vida laboral e familiar. Para que o programa se leve a cabo deberá haber un número mínimo de solicitudes. De superarse a oferta existente, terán preferencia, por esta orde, os menores empadroados no Concello de O Pino, aqueles en situacións especiais (segundo o criterio técnico das profesionais dos Servizos Sociais), as familias monoparentais, os menores escolarizados nun centro educativo do concello, aqueles con titores que traballan no termo municipal e, por último, quen estea a gozar de vacacións no Pino.

As familias interesadas en participar deberán presentar o formulario de inscrición cuberto a partir do mércores 15 de marzo e antes do luns 27 de marzo. A solicitude pode recollerse nas dependencias do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou ben descargarse na páxina web municipal.

O custo de Lecer Semana Santa é de 10 euros polos catro días de actividades e as familias numerosas gozarán dun desconto do 20% a partir do segundo menor inscrito. O pagamento efectuarase unha vez que as familias comproben que foron admitidas ao publicarse as listaxes.

As bases, o formulario de inscrición e a instancia que debe acompañar a solicitude poden consultarse na web municipal www.opino.gal.