Pechan a oficina dos emigrantes en Vimianzo por falta de relevo

José María Rocha, portavoz da Asociación de Emigrantes Retornados da Costa da Morte

José María Rocha, portavoz da Asociación de Emigrantes Retornados da Costa da Morte / J. M. R.

A Asociación de Emigrantes Retornados da Costa da Morte, despois de dez anos ofrecendo apoio e asesoramento a este colectivo, pechará este mes a súa oficina de Vimianzo por falta de relevo na súa xunta directiva. “Convocamos dúas asembleas e ninguén quixo facerse cargo”, afirma o portavoz, José María Rocha.

Non obstante, o propio José María e a avogada María Vieitas, quedan “á disposición dos emigrantes para apoialos no que precisen”. O Concello ofreceulles un local na casa consistorial e os interesados poden chamar ao número 626 971 593.

Logo dunha década de traballo, Rocha asegura que o balance “é moi positivo”, pois grazas á unión dos afectados conquerirón que o límite de ingresos para presentar a declaración da renda no caso de ter dous pagadores “subiu de 11.200 a 15.000 euros” e ademais quenes superen este límite “poden agora solicitar á Seguridade Social que lles aplique unha retención mensual do IRPF”.

Froito das accións xurídicas conqueriron “que Estrasburgo nos dese a razón e rexeitase a dobre imposición, pero seguimos á espera de que se aplique a súa resolución en España”. Lamenta, iso si, que por negarse Facenda a dar facilidades, “o 75 % dos emigrantes aínda non regularizaron a súa situación”.