Brión moderniza viais de acceso á localidade de Babenzo e Ames mellorará rúas na meirande urbe

Entubados para soterrar nos accesos a Babenzo, en Brión / concello

Entubados para soterrar nos accesos a Babenzo, en Brión / concello / Marcos Manteiga

Marcos Manteiga

O Concello de Brión vén de iniciar as obras de mellora do viario de acceso á localidade de Babenzo, na parroquia de Bastavales, na que investirá un total de 268.277,17 euros. Unhas actuacións que executará a empresa Construcciones Ponciano Nieto SL ao abeiro do Plan de Obras e Servizos POS+Adicional 2/2022 da Deputación da Coruña.

O alcalde brionés, Pablo Lago Sanmartín, destaca que “ademais de mellorar a capa de rodaxe actual por outra en aglomerado, a nova cuneta de seguridade permitirá incrementar a seguridade na zona tanto para os vehículos como para os peóns, que disporán dun lugar polo que transitar”. Os traballos de acondicionamento consisten na renovación da capa de rodaxe desta estrada con cinco centímetros de aglomerado en quente, previo bacheo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo de dous treitos de 310 e 380 metros de longo, por catro metros de ancho. Unha actuación que ten un prazo máximo de execución de seis meses.

A maiores, construirase unha cuneta de seguridade en formigón de 1.320 metros baixo a que se instalará a tubaxe precisa para a canalización das augas pluviais. Finalmente, contémplase a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias para a correcta drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a colocación de sinalización horizontal co pintado de liñas de bordo e símbolos.

AVENIDA MUÍÑO VELLO

E no outro municipo maían, Ames, veñen de aprobar a licitación das obras da avenida Muíño Vello, do Milladoiro, que contará cun renovado pavimento por 109.224 euros (IVE incluído) con cargo ao POS+ 2022 da Deputación da Coruña. As intervencións contempladas no proxecto teñen por obxecto a mellora da capa de rodaxe dunha superficie de 6.650 m2. Esta actuación súmase a outro proxecto que tamén se vai executar no Milladoiro e que está en fase de licitación. Trátase das obras de pavimentación da rúa Agro do Medio, a rúa do Rego e a rúa de Abaixo, que teñen un importe de contratación que alcanza os 201.411,51 euros.