Adxudicada a obra que dotará ao dispensario de Ordes con cinco consultas de saúde mental

Acceso ao centro de saúde que está ubicado na vila de Ordes / M.G.

Acceso ao centro de saúde que está ubicado na vila de Ordes / M.G. / Marcos Manteiga

A Xunta acaba de adxudicar a obra do Centro de Saúde de Ordes por 402.700 euros. Así, ampliarase o inmoble ocupando a cuberta aterrazada do PAC, que conta cunha superficie aproximada de 170 metros cadrados, para habilitar cinco consultas da área de saúde mental.

En concreto, crearanse as seguintes consultas: unha para traballo social, dúas de psiquiatría, unha de enfermería e outra para psicoloxía. Ademais haberá novos aseos adaptados. Esta actuación permitirá dar unha mellor cobertura á atención da saúde mental á poboación de referencia. A ampliación preséntase como un volume compacto que consolida a área de saúde mental dentro do edificio, conectándose coas circulacións existentes sen desvirtuar a imaxe exterior do edificio. O cerramento da fachada así como a cuberta realizarase con materiais iguais ou similares aos do edificio existente, cun muro de cerramento de ladrillo caravista e cuberta de chapa.

Neste centro de saúde tamén se levou a cabo recentemente a reparación dos ventanais deteriorados.