Renovarán a cuberta e o illamento do colexio As Revoltas de Cabana

Cabana, ésquerda, José Muíño e Gonzalo Trenor en Cabana

Cabana, ésquerda, José Muíño e Gonzalo Trenor en Cabana / Xunta de Galicia

Redacción

OCPI As Revoltas, de Cabana de Bergantiños, será obxecto dun plan de reforma que contempla a renovación da cuberta, das carpinterías e o sistema de illamento térmico exterior (SATE). Unhas actuacións que requerirán dun investimento de case 700.000 euros, segundo confirmou o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, durante a súa visita ao centro.

O proxecto contempla a colocación de illamento nas fachadas do edificio antigo cara ao paseo marítimo, así como na totalidade dos módulos de administración e secundaria, e a substitucións das cubertas metálicas por outras de panel sándwich. Non se actuará sobre as cubertas de tella. 

Ademais, substituirán as carpinterías das aulas do edificio orixinal por outras de PVC, mentres que no módulo de administración e secundaria serán de aluminio. 

Trenor, que estivo acompañado pola alcalde de Cabana, José Muíño, e polo xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, sinalou que este tipo de actuacións buscan “transformar e adaptar os centros educativos de acordo cos novos retos tecnolóxicos e ambientais facéndoos máis confortables, seguros e sostibles”. Todas elas están enmarcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica impulsado pola Consellería de Cultura e Educación.