Apelan aos fondos europeos para mellorar a rede de auga de Malpica

Walter Pardo lembra que o pasado verán o Concello viuse obrigado a prohibir durante varios días o consumo da auga por un exceso de trihalometanos

Rodríguez, esquerda, Fernández, Pardo e García en Malpica /PSOE

Rodríguez, esquerda, Fernández, Pardo e García en Malpica /PSOE / REDACCIÓN

REDACCIÓN

O portavoz do PSOE de Malpica, Walter Pardo, propón ao goberno local que solicite fondos europeos Next Generation para impulsar o proxecto dunha nova captación de auga ou mellorar as instalacións da estación de tratamento.

Lembra que o pasado verán o Concello viuse obrigado a prohibir durante varios días o consumo da auga da rede de abastecemento municipal despois de detectarse un exceso de trihalometanos. Unha situación que se viu agravada pola seca e o escaso caudal do río, o que propiciou un exceso de materia orgánica na depuradora e que obrigou a cometer diversas actuacións de mellora. Por iso, o voceiro socialista considera que a estación de tratamento “precisa dunha reforma integral das súas instalacións” e que tamén é necesario facer unha nova captación “para garantir auga de calidade á vila”.

Pardo visitou este mércores a estación na compaña do secretaria provincial do PSOE, Bernardo Fernández, a deputada no Congreso Montserrat García Chavarría e a parlamentaria galega Begoña Rodríguez Rumbo. O líder dos socialistas na provincia sinalou que “é urxente” que o Concello aproveite as posibilidades que ofrecen os fondos europeos para realizar un investimento “na prestación deste servizo tan básico”.