Creatividade ao redor dunha xeiteira

Despois de viaxar por todo o mundo, a arquitecta Alba Fernández creou a asociación A Maceta, que está a habilitar en Muros un espazo para traballos colaborativos //Estará presidido por unha gran mesa baseada nunha embarcación tradicional //Financian o proxecto co micromecenazgo e xa recadaron 2.110 €

Plano do local que está habilitando A Maceta e que estará presidido pola gran mesa-xeiteira / A M.

Plano do local que está habilitando A Maceta e que estará presidido pola gran mesa-xeiteira / A M. / suso souto

Alba Fernández Arias vive dende hai dous anos en Muros, o seu pobo natal, ao que retornou dende Londres, onde traballaba no estudo internacional de arquitectura de Richard Rogers. Despois de moito viaxar polo mundo, decidiu que eran horas de voltar e poñer en marcha unha ambiciosa iniciativa: crear un espazo de traballo que busca o desenvolvemento de proxectos colectivos.

Agora está a punto de inaugurar ese lugar de traballo compartido e acción cultural chamado A Maceta. Está ubicado na planta baixa da súa vivenda, en pleno casco histórico, fronte ao mar. O nome dese espazo colaborativo simboliza a xerminación de proxectos comúns.

A través da recén creada Asociación A Maceta, Alba e as súas compañeiras lanzaron unha campaña crowdfunding para a construción da gran mesa de madeira que presidirá o espazo de traballo. A mesa-xeiteira, inspirada nas embarcacións tradicionais, será o elemento máis significativo deste espazo. Ao redor dela cultivarase a comunidade. O xeito é a rede tradicional ca que se pesca a sardiña, o aparello que dá nome á barca.

Á fronte da asociación están tamén Sara e Laura, que comparten as inquedanzas, a visión e o propósito de Alba, impulsora da iniciativa e con máis de dez anos de experiencia como arquitecta especializada en sustentabilidade, saúde e benestar.

A arquitecta Alba Fernández Arias, promotora da iniciativa / A.M.

A arquitecta Alba Fernández Arias, promotora da iniciativa / A.M. / suso souto

A súa extensa experiencia como deseñadora abrangue dende o deseño de obxetos cos principios de circularidade ao deseño de estratexias para rexeneración de comunidades.

Sara, pola súa banda, é unha enxeñeira especializada na mellora de procesos e medio ambiente, e Laura sumouse ó proxecto para fomentar o capital social, cultural e natural local traballando dende a innovación social e financeira, campo no que, por certo, se desenvolve profesionalmente dende hai máis dunha década.

“A Maceta naceu como un dinamizador local no rural galego, promovendo a innovación social, medioambiental e cultural, xerando redes de conexión que transcendan o contexto local e amplifiquen o impacto a través de alianzas con outras iniciativas que compartan fins e creando conexións que nazan nas persoas buscando o equilibrio do noso ecosistema”, sinalan. A cultura actúa como elemento integrador e vertebrador das accións que se levarán a cabo no marco desta iniciativa que está brotando. Arte, muller e cambio climático son temáticas transversais das accións a desenvolver.

“A Maceta é un espazo de conexión e inspiración que favoreza a creación de novas redes de colaboración. Un espazo que facilite a cooperación dos distintos axentes do ecosistema local co talento que poda acercarse doutras partes de Galicia e do mundo”, explica Alba.

Peza da mesa-xeiteira, que medirá máis de 4 metros / A.M.

Peza da mesa-xeiteira, que medirá máis de 4 metros / A.M. / suso souto

As tres mulleres están a construír un espazo aberto, “unha comunidade diversa sentada ao redor dunha mesa de diálogo”, engade.

Na campaña de micromecenazgo posta en marcha a través da plataforma Goteo.org levan recadados xa 2.110 euros, o que supón un 51 por cento da cifra que se teñen marcado como reto, que é de 4.580 euros. De momento son xa máis de medio cento as persoas que fixeron as súas aportacións a este proxecto.

En torno a esa gran mesa-xeiteira, xa en construción, queren impulsar diversas accións culturais en colaboración cos distintos axentes do territorio. Estana facendo a man, con madeira galega. Mide máis de 4 metros de eslora e 1,6 de manga.

ACHÁDEGO ARQUEOLÓXICO.

O local é un baixo da avenida Castelao resgardado polos tradicionais soportais onde se gardaban barcos e apeiros de pesca. A súa rehabilitación foi o primeiro gran paso que tiveron que dar Alba, Sara e Laura. “Cando fas unha rehabilitación, se vas escavar, nun casco histórico como Muros tes que facer un proxecto arqueolóxico e unhas catas. E na terceira, apareceu unha pía de salazón, que podería ser do ano 1700”, explica Alba. “Entón tiven que volver enviar o proxecto a Patrimonio, que decidiu seguir escavando, e descubriron outras catro pías, que estaban tapadas cunhas pedras enormes que aproveitei para a horta, conectando así os dous espazos”, engade ao respecto.

Así pois, o lugar que antigamente foi utilizado como planta para a salazón da sardiña e almacén de aparellos de pesca convertirase moi pronto nun espazo de traballo que busca o desenvolvemento de proxectos colectivos e que contará cunha zona de taller, unha pequena biblioteca, aseos e tamén un almacén.

En principio prevese que as obras rematen o día 15 de abril e que a inauguración sexa o día 29 dese mes.