Ponteceso deberá seguir á espera da solicitada residencia de maiores

Martín Seco sinalou que a residencia é unha infraestrutura “fundamental para atender as necesidades da poboación maior do oeste de Bergantiños, que de momento tan só conta cun centro de día público en Cabana”

Concello de Ponteceso

Concello de Ponteceso / Ponteceso

REDACCIÓNredacción

A demanda do goberno local de Ponteceso para que a Xunta constrúa unha residencia de maiores na vila de Pondal chegou ao Parlamento. A conselleira de Política Social, Fabiola García, en resposta á petición trasladada polo deputado socialista Martín Seco, sinalou que o Concello pontecesán “non solicitou” acollerse ao novo Plan de investimentos que ten en marcha a Administración autonómica para a construción, renovación ou ampliación de equipamentos sociais dirixidos aos maiores e xestionados polos municipios.

Apuntou ademais que “de ter presentado unha proposta podería beneficiarse dunha axuda de ata 1,2 millóns de euros para construíla”. Non obstante, subliñou o compromiso do Executivo cos veciños de máis idade de Ponteceso coa posta á súa disposición de recursos de proximidade “que lles fan a vida máis doada tanto a eles como ás súas familias”.

Pola súa banda, Martín Seco sinalou que a residencia é unha infraestrutura “fundamental para atender as necesidades da poboación maior do oeste de Bergantiños, que de momento tan só conta cun centro de día público en Cabana”. Entenden os socialistas que dar resposta a esta demanda “permitiría evitar o éxodo dos habitantes do interior a outros núcleos de poboación que teñen este tipo de recursos, co desarraigo persoal que iso supón”.