Silleda vai retomar un plan de creación de emprego que xa apoiou sesenta iniciativas

No Concello de Silleda facilitouse a posta en marcha de novas iniciativas

A edil do Partido Socialista no Concello de Silleda, Pili Peón / PS

A edil do Partido Socialista no Concello de Silleda, Pili Peón / PS / M. Manteiga

O Concello de Silleda retoma o seu Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego, que destinou dende a súa posta en marcha en 2015 case 80.000 euros. Así, ata o 2022, data da última convocatoria, aportaron 76.803 euros a subvencionar 59 iniciativas postas en marcha por silledenses que decidiron emprender unha nova actividade empresarial ou comercial abandonando a situación de desemprego.

Deste xeito, e pese a non ter competencias directas en materia de emprego, dende o Concello de Silleda facilitouse a posta en marcha de novas iniciativas, que propiciaron tamén a apertura de novos establecementos, aínda sen ter tampouco competencias na promoción do comercio.

A convocatoria de 2023, que se abrirá nos vindeiros días, continuará a través deste programa, tamén coñecido como de axuda a persoas emprendedoras, outorgando subvencións a fondo perdido a todas aqueles veciños de Silleda que queiran iniciar a súa actividade. As condicións son similiares ás de convocatorias anteriores (podendo solicitar estas axudas aquelas persoas que estén en situación de desemprego), se ben hai que ter en conta que as contías se aumentaron na convocatoria de 2021, segundo traslada a concelleira Pili Peón. Así, a axuda por apertura de local comercial pasou de 300 a 600 euros, e a Alta no Réxime de Cotización de Autónomos de 600 a 900 euros.

O importe máximo da subvención é de 4.200 euros. Ademais, trátase dun programa no que se valora a maiores a perspectiva de xénero, con discriminación positiva no apartado referido á contratación de persoal. E tamén se outorgan a maiores puntos extra, para aqueles casos nos que os proxectos sexan promovidos por mulleres con cargas familiares de unidades monoparentais.