A Xunta garante prazas para todos os alumnos do centro de educación especial da asociación Aspaber

O colectivo decidiu pechalo alegando carencias nas instalacións // Educación di que a entidade rexeitou renovar o concerto vixente

As familias afectadas concentráronse o día 2 diante do Concello de Carballo demandando solucións /cig

As familias afectadas concentráronse o día 2 diante do Concello de Carballo demandando solucións /cig / redacción

redacción

A Xunta de Galicia vai garantir praza educativa a todos os alumnos afectados polo peche do Centro de Educación Especial Aspaber, de Carballo, logo de que a asociación decidira, “de xeito unilateral, non renovar o concerto vixente desde o ano 2017”, según afirmou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, ante a Comisión 4ª do Parlamento.

Lanzou unha mensaxe de tranquilidade ás familias, asegurando que o Goberno galego está traballando na busca da “mellor solución para atender as necesidades de cada alumno”. “Entendemos a lóxica preocupación dos pais e das nai”, engadiu, e lembrou que desde o primeiro momento se estivo en permanente contacto con eles para analizar a situación e as posibles alternativas.

O titular de Educación ofreceu a “total colaboración” coas familias, cuxos fillos teñen garantida unha praza o vindeiro curso 2023-24. Así pois, a Xunta adoptará as medidas necesarias para blindar a normal continuidade do proceso de escolarización do alumnado afectado polo cese de actividade do centro.

O Centro de Educación Especial Aspaber, de Carballo, conta con concerto educativo desde o ano 2017, e neste curso ten tres unidades concertadas que atenden a 20 menores de 21 anos. “Foron os xestores da asociación os que, de xeito unilateral, tomaron a decisión de non presentar solicitude para a renovación do concerto, que expira este ano”, subliñou ao respecto o conselleiro.

Desde a Xefatura Territorial e a Inspección Educativa mantiveron reunións de traballo cos responsables da asociación Aspaber, aos que se lles ofreceu “total colaboración e disposición de seguir adiante co acordo de concerto”. Pese a este ofrecemento, “a entidade decidiu seguir adiante coa súa decisión unilateral allea á Consellería, que agora traballa para seguir prestando o servizo a estes alumnos coas máximas garantías educativas”, engadiu.

Dende a dirección de Aspaber xustifican a decisión asegurando que as instalacións do actual centro non son as axeitadas para ofrecer unha atención educativa de calidade.