As regueifas reviven nas escolas

CERTAME Corenta e tres versións competiron na sexta edición do concurso Enreguéifate, que xa ten gañadores // Trinta e cinco foron de estudantes // O proxecto impulsado polos concellos de Ames, Teo, Carballo, Pontevedra e Santiago apoia a difusión da improvisación oral en verso e promociona o galego

Un dos obradoiros de regueifas para escolares impartidos nos centros educativos de Carballo / c. carballo

Un dos obradoiros de regueifas para escolares impartidos nos centros educativos de Carballo / c. carballo / JOSÉ M. RAMOS

A sexta edición do certame Enreguéifate xa ten gañadores e, visto o alto nivel acadado e a elevada participación, pódese dicir que as tradicionais regueifas teñen garantido o seu futuro. O xurado tivo que valorar un total de corenta e tres: trinta e cinco delas inscritas na categorías escolar e oito na xeral, as cales poden verse na canle de Youtube do certame e na web enregueifate.gal.

Trátase dunha iniciativa impulsada polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo co fin de apoiar a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír por medio dela á promoción do uso da lingua galega.

Como en edicións anteriores, o certame contou con dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa, e outra escolar, para o alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. Outorgáronse un total de seis premios en cada categoría.

Na modalidade xeral, o galardón para a regueifa máis brava recaeu en Os e as regueifeiros de Compostela por "Tempo de notas", mentres que Iván e Aroa, coa "Regueifa da adolescencia", levarán o premio á regueifa máis aguda. A máis diversa foi "Café con leite", de Intercontinental; a máis reivindicativa, "A regueifa pedra Angular-freestile", de Arrieiro e Chaminho; a mellor falada, "Fachenda da nosa terra", da Escola de Regueifa de Carballo; e a mellor cantada, "Regueifa co espello", de Chámame lexión.

E na categoría escolar os premiados foron Vivantistas de Dodro, con "Interxerando" (a máis brava); o alumnado de 2º B do CEP Xosé Neira Vilas, con "A Neira Horta" (a máis aguda); a clase de 1º B do CEIP Quiroga Palacios, con "Superheroes do cotián" (a máis diversa); Regueifeirxs chairegxs, con "Regueixornal" (a máis reivindicativa); Uxía e María do Camballón, con "A nosa lingua"; e os escolares de 6º do CEIP Agro do Muíño, con "Rosalía" (a mellor cantada).

O xurado estivo formado por Socorro García Conde, técnica de normalización lingüística do Concello de Carballo; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; e Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro. A entrega dos premios terá lugar o día 14 de abril na Gala Enreguéifate-Regueifesta, que se va celebrar no Auditorio de Galicia, en Compostela. Está previsto que participe un milleiro de persoas, entre escolares e alumnado improvisador chegado de diferentes puntos de Galicia e tamén de centros educativos das comunidades de Euskadi e Cataluña.

A gala será conducida por Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Olalla Liñares e adiantan que será “unha viaxe polo mundo da improvisación oral en verso, na que tampouco faltará a música en vivo”.

Lembrar que o proxecto Enreguéifate inclúe, ademais do certame e da gala anual, accións formativas para alumnado e profesorado, que se imparten ao longo do curso.