Boiro fomenta a comunicación familiar cun foro que reúne a pais e fillos

Anabel Mosquera, pedagoga e formadora experta en adicións, conduce estes tempos de conversa para persoas adultas

Anabel Mosquera, na primeira sesión / c.b.

Anabel Mosquera, na primeira sesión / c.b. / suso souto

O Concello de Boiro colabora cos centros de ensino do municipio e a comunidade educativa no programa Espazo Familias, que deu comezo este mércores coa primeira sesión no centro social da vila. As xornadas deste ano versan sobre a mellora da comunicación familiar e buscan atender a demanda de darlle voz ás familias e facilitar o diálogo entre os participantes. Están destinadas a nais, pais e titores, a rapaces e rapazas de 8 a 12 anos e a adolescentes a partir de 13 anos, con grupos diferenciados. Ademais, as sesións contan con servizo de canguro para nenos e nenas de 3 a 7 anos.

Anabel Mosquera, pedagoga e formadora experta en adicións, conduce estes tempos de conversa para persoas adultas nos que poder compartir inquedanzas, dúbidas e experiencias das crianzas, escoitar e facerse escoitar.

As sesións inclúen actividades paralelas para a rapazada que xiran en torno á comunicación familiar. Jaime Bello, do proxecto Turbina, está a cargo dos grupos de adolescentes a partir de trece anos, e a educadora social Alba Pérez, dos de entre oito e doce anos.

Están programadas dúas xornadas máis para os mércores 12 e 26 de abril ás 18.00 horas no centro social boirense. Máis información na páxina web espazofamilias.org.