O colexio público CEIP Plurilingüe de Outes vén de inaugurar a súa nova biblioteca escolar, un espazo moito máis amplo e mellor equipado con zona de radio e audiovisuais e máis fondos bibliográficos e mobiliario grazas ao apoio da Xunta, que investiu 55.000 € na súa remodelación e reforzo do equipamento.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou na inauguración desta nova instalación de 300 metros cadrados de superficie que é o resultado dunha complexa obra de reordenación de catro aulas e un corredor central mediante o derrubamento de tabiques, arranxo de xuntas, tapiado de portas, colocación de tarima e cambio de xanelas.
O novo espazo de lectura conta cunha zona separada específica de radio e audiovisuais, así como cun escenario e un mostrador na área de xestión administrativa.
A biblioteca é unha das áreas máis dinámicas deste centro que desde o curso 2017-18 forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta. Participa no programa Clubs de Lectura, Biblioteca Creativa e Voluntariado na biblioteca.
A dedicación académica dos docentes e a implicación dos alumnos valeulle recoñecementos como o premio do Concurso traballo por proxectos no curso 2020-21 coa iniciativa Mens sana in corpore sano, e no curso 2021-22 con Outes sostible. Cidadáns do presente para o futuro.
Debido a esta brillante traxectoria, os alumnos do mencionado centro educativo outense foron convidados a participar no Programa de Lectura, Información e Aprendizaxe LÍA.3 da Xunta para avanzar nun modelo de biblioteca escolar deseñada como laboratorio creativo de aprendizaxes aberto a toda a comunidade escolar.