Carballo pon a disposición da Xunta os terreos para crear o futuro Centro Integral de Saúde

Construirase un novo edificio anexo ao actual ambulatorio para dar cabida a máis consultas e novos servizos // Ampliarase o Punto de Atención Continuada e habilitarase unha unidade de diálise con vinte e cinco postos

Alberto Varela, á esquerda, e o alcalde, Evencio Ferrero, á dereita, asinando o convenio urbanístico para construir o futuro CIS / concello de carballo

Alberto Varela, á esquerda, e o alcalde, Evencio Ferrero, á dereita, asinando o convenio urbanístico para construir o futuro CIS / concello de carballo / REDACCIÓN

REDACCIÓN

As demandadas melloras nas infraestruturas sanitarias da capital de Bergantiños están máis preto de facerse realidade logo de que o Concello de Carballo asinase un convenio urbanístico co propietario da parcela colindante co actual ambulatorio para que a Consellería de Sanidade poida construír o anunciado Centro Integral de Saúde (CIS). O luns, día 27, a Xunta de Goberno Local acordará a cesión dos terreros á Administración autonómica.

O alcalde, Evencio Ferrero agradece a colaboración do propietario da referida parcela, Alberto Varela, para poder dar cumprimento á solicitude da Consellería de Sanidade e manifestou o seu desexo de que “a boa vontade amosada polas partes asinantes do convenio sirva para garantir o equipamento e a oferta sanitaria que os veciños e as veciñas do noso Concello necesitan e merecen”.

Coa sinatura do acordo culmina un proceso iniciado a finais do 2021, a raíz da aprobación, por parte do Consello da Xunta, do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que incluía entre os obxectivos prioritarios a creación do CIS de Carballo e establecía a necesidade de contar cunha superficie de 1.820,60 metros cadrados para dar cabida aos novos servizos previstos.

Respecto das distintas alternativas para o emprazamento do CIS presentadas polo Concello de Carballo, a Consellería de Sanidade considerou como única opción viable a construción dun novo edificio anexo ao actual, o que implicaba a necesidade da obtención da propiedade do solo por parte do Concello. Tras numerosas conversas, e non menos trámites administrativos, foi posible acadar o acordo coa propiedade.

A partir da ratificación do convenio por parte da xunta de goberno local abrirase un período de exposición pública, tal como establece a lexislación vixente, para que as persoas interesadas poidan consultar o documento e realizar, se o consideran, as alegacións oportunas.

PLAN FUNCIONAL

. En decembro, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde carballés, Evencio Ferrero, asinaron o protocolo para facer realidade o Centro Integral de Saúde, cuxo plan funcional contempla incrementar a área de adultos con catro consultas de médico, tres de enfermería, un despacho e tres salas polivalentes; incorporar á área da muller unha sala de educación sanitaria, unha consulta de obstetricia e outra de rehabilitación do solo pélvico.

Ademais, prevese ampliar a área de pediatría con aseos e sala de lactancia; aumentar a área de especialidades dotándoa de nova consultas de enfermería, reumatoloxía, ciruxía e un gabinete de exploración oftalmolóxica; crear unha área de docencia, ampliar o Punto de Atención Continuada, habilitar unha segunda consulta de psiquiatría e duplicar o espazo da sala de fisioterapa

Asemade, a transformación proxectada permitirá, xunto coas melloras referidas, crear unha unidade de hemodiálise de trescentos metros cadrados, que será dotada con vinte e cinco postos e evitará os actuais desprazamentos dos pacientes ao hospital da Coruña.

O CONCELLO URBANIZARÁ AS VÍAS

··· Tal e como figura no convenio, o Concello de Carballo, se é preciso, urbanizará a superficie destinada a vías. Tamén se fará cargo dos gastos e tributos derivados da cesión e ademais recoñece ao propietario da parcela o aproveitamento urbanístico que lle puidese corresponde pola superficie cedida cando se desenvolva o sector de solo urbanizable SR-5.

··· A Administración local tamén aplicará, con respecto dos gastos de urbanización que se xeren coa actuación, a oportuna compensación en virtude da cesión efectuada en 1988. Cómpre lembrar que Alberto Varela xa cedera daquela 1.258 metros cadrados para a construción do actual centro de saúde, e naquel convenio incluíase unha serie de obras viarias que non se completaron.