O sector turístico da Costa da Morte avanza cara a profesionalización

Directivos da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte na asemblea de Vimianzo

Directivos da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte na asemblea de Vimianzo / APTCM

Redacción

A Asociación de Profesionais do Turismo de Costa da Morte (APTCM) contratará os servizos da empresa Vixía Sustentabilidade para que lles brinde a asistencia técnica necesaria para garantir "a profesionalización do sector e da propia asociación", afirmou o seu presidente Pepe Formoso. O acordo foi adoptado por unanimidade nunha asemblea celebrada en Vimianzo na que participaron máis da metade do socios do colectivo turístico.

Na xuntanza tamén se acordou duplicar a cota anual que paga cada asociado. A este respecto hai que subliñar que a campaña de captación de socios impulsada pola nova xunta directiva, que preside Pepe Formoso, xa está a dar o seu froito, xa que "rexistramos un incremento de máis do cen por cen nos últimos meses e xa somos actualmente 132 membros, o que nos fai pensar que imos polo bo camiño e que estamos cumprindo obxectivos", afirmou.