Ribeira dedícalle un ciclo formativo á saúde na adolescencia, a alimentación e a xestión da dor

A edil Ana Barreiro / c. de ribeira

A edil Ana Barreiro / c. de ribeira / suso souto

A concelleira de Servizos Sociais de Ribeira, Ana Barreiro, presentou as Xornadas Saudables, que terán lugar no centro cultural Lustres Rivas de 16.30 a 20.30 horas.

O ciclo comezará o día 13 de abril cunha ponencia dedicada aos problemas de conduta e adición ás novas tecnoloxías na adolescencia, a cargo do psicólogo sanitario José Luis Castro Feijóo. O día 20 vai ter lugar un obradoiro de primeiros auxilios da man de Carlos Prado Sande (profesional da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061).

O día 27 haberá un obradoiro de alimentación impartido por Ana Martínez Lorente, técnica do Servizo de Estilos de Vida Saudable e Educación para a Saúde da Xunta.

O día 4 de maio haberá unha xornada sobre a enfermidade reumatolóxica e xestión da dor na que intervirán Jessy Viqueira e Lucía Fernández, psicóloga e terapeuta ocupacional da Liga Reumatolóxica Galega, respectivamente. O día 11 terá lugar unha charla de resolución de conflitos a cargo de Miguel Ángel Gómez, experto en mediación familiar.